Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LICITA EN 2,7 MILLÓNS DE EUROS A XESTIÓN DAS TRES ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS POR UN PRAZO DE DOUS ANOS
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, informou que as empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 15 de outubro para presentar as súas ofertas
Narón, 13 de setembro de 2024. O Concello de Narón reserva unha partida de 2.778.010,78 euros para proceder a licitar a xestión das escolas infantís municipais da Solaina, A Gándara e Piñeiros por un período de dous anos. O anuncio está na Plataforma da Contratación do Sector Público e as empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de prazo ata o vindeiro 15 de outubro. O prego do contrato establece que a través do mesmo se licita a xestión integral dos tres centros, incluíndo o servizo educativo principal, a acollida, a permanencia, os servizos de comedor e limpeza e as actividades complementarias (lavandería, limpeza exterior, mantemento, fornecemento de consumibles e combustibles…). Cada unha das escolas conta con seis unidades, cun total de 82 prazas de atención simultánea. As dúas unidades para menores de 0 a 1 anos ofrecen 16 prazas; as dúas para os de 1 a 2 anos ofrecen 26 prazas e as dúas unidades restantes, para os de 2 a 3 anos, un total de 40 prazas. En canto ao horario, os centros abrirán as súas portas de luns a venres durante todo o ano (excepto os festivos nacionais, autonómicos e local), contemplándose a opción dunha organización especial nos meses de xullo e agosto en función da demanda. Abren as súas portas dende as 7:30 ata as 20:00 horas de xeito ininterrompido, podendo ser modificado polo Concello en función das necesidades do servizo. “O Concello ten que afrontar un importante desembolso para poñer a disposición das familias da nosa cidade un servizo que a Xunta asume noutras cidades ao completo”, recalcou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, lamentando "a situación de desvantaxe en que a Xunta de Galicia deixa ás familias de Narón, facendo que sexan elas, cos seus impostos e os de toda a veciñanza, os que teñan que asumir os gastos destas escolas infantís cuxas obras xa asumiu na súa época o propio Concello polo mesmo motivo”.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal