A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLERÁ ESTE MES NUMEROSAS ACTIVIDADES DIRIXIDAS A PERSOAS DE TODAS AS IDADES
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, animou á cidadanía a inscribirse nas actividades que así o requiren
Narón, 2 de setembro de 2024. A Biblioteca municipal celebra o Mes da Biblioteca con numerosas propostas que comezarán este venres, día 4, e rematarán o 26 de outubro. Así o recordou a edil da área, Olga Ameneiro, indicando que este venres haberá un obradoiro para aprender a facer un podcast e o sábado un espectáculo de contacontos de Caxoto.
A programación continuará o 19 deste mes, con outro contacontos, neste caso sensorial para bebés e as súas familias que dará comezo ás 11:00 e para o que se abrirá o prazo de inscrición esa mesma semana, o día 15. O mércores día 23 haberá unha actividade dirixida a público xuvenil e adulto, Libros de pel auténtica, unha actividade baseada nas Bibliotecas Humanas, para a que tamén se abrirá un prazo de inscrición.
As visitas guiadas, co fin de dar a coñecer mellor tanto as instalacións da Biblioteca como os múltiples servizos que se prestan na mesma, retomaranse este mes, concretamente os días 24 e 25, ás 11:00 horas. Un ano máis, apostouse por incluír nas visitas guiadas, co mesmo obxectivo, as instalacións da Axencia de Lectura da Gándara, que se poderá visitar o venres 25 pola tarde, ás 17:30 horas.
Un espectáculo de narración oral para público adulto, Contos de revolución, dará continuidade á programación o día 25 ás 19:30 horas. Neste caso trátase dunha actividade de entrada libre, ata completar a capacidade da sala. Finalmente o sábado 26, ás 11:00 horas, celebrarase un obradoiro infantil especial do Día da Biblioteca, con prazas limitadas.
“Un ano máis, no mes da biblioteca organizamos unha completa programación, con propostas de balde e moi variadas para que poidan desfrutar delas as nosas veciñas e veciños”, destacou Ameneiro. Así mesmo, a edil animou á cidadanía a inscribirse nas que así o requiren e, sobre todo, a coñecer as instalacións e os servizos que alí se prestan, porque son moi variados e en ocasións, aínda descoñecidos para algunhas persoas”.