A ALCALDESA DESTACOU A ENTREGA, COMPROMISO E VOCACIÓN DA POLICÍA NACIONAL NO ACTO DOS SANTOS ANXOS CUSTODIOS CELEBRADO HOXE NA CIDADE
Marián Ferreiro acudiu esta mañá á celebración do patrón da Policía Nacional, que se desenvolveu no mosteiro de San Martiño de Xuvia e no Pazo da Cultura
Narón, 3 de outubro de 2024. Os actos conmemorativos do Día dos Santos Anxos Custodios, patrón da Policía Nacional, leváronse hoxe a cabo na cidade. Ás 12.00 horas deu comezo unha celebración relixiosa no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, á que asistiron, entre outras autoridades, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o Comisario xefe da Comisaría local de Ferrol-Narón, Javier María de Loresecha, o tenente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz; o concelleiro de Seguridade Cidadá de Narón, José Oreona, e integrantes da Policía Nacional e da Local de Narón, entre eles o xefe deste último Corpo, Eduardo Pita e da Garda Civil.
Tralo acto, os asistentes desprazáronse ao Pazo da Cultura, onde tivo lugar o acto institucional para celebrar a festividade do día dos Santos Anxos Custodios. Abriuno o comisario xefe, Javier María de Loresecha, que destacou a traxectoria da Policía Nacional, de “douscentos anos velando pola tranquilidade, pola xustiza e pola seguridade de tódolos cidadáns”. Ademais, recoñeceu ter “o honor de contar cun plantel formado por profesionais motivados e motivadores, que respondeu con entrega a retos como procesos electorais, eventos deportivos, desplegues en manifestacións… e ás continuas operacións policiais, que se ve recoñecida dende outras institucións e entidades”. Destacou tamén o esforzo e o traballo individual, compromiso, dedicación e sacrificio de policías, funcionarios, persoal laboral, organizacións sindicais… “todos sen sen distinción contribúen a que a Policía Nacional sexa unha das institucións mellor valoradas”.
Unha vez rematada a intervención de Loresecha, procedeuse á imposición de condecoracións a funcionarios da Policía Nacional polos seus méritos profesionais, ingresando na Orde do mérito policial. Os recoñecementos deste ano foron para a funcionaria María Teresa Rodríguez Bergara; o inspector xefe José Ramón Santiago Arias; a axente Susana González Pando; os axentes José Carlos Lage Seijo, Javier González Rico, Raúl Sánchez Sánchez, Marcos Gallego Peteiro, Alberto Reimúndez Díaz e Santiago Souto González, así como o sarxento primeiro da Armada, Alejandro García Pacheco. Ademáis de Marián Ferreiro e Javier María de Loresecha, participaron no acto de imposición das medallas a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o xeral de Infantería de Marina, Manuel García; o fiscal xefe da área de Ferrol, Daniel Jove; e o tenente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz.
A maiores, procedeuse á entrega de dúas metopas oficiais conmemorativas, en mostra de afecto e recoñecemento por parte da Comisaría de Ferrol-Narón ao labor desenvolvido pola Asociación Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e á familia do policía Francisco José Seijas Pérez, que recolleu neste último caso a súa esposa, Luz María Rey.
O acto continuou coa entrega, por parte do presidente da Asociación Nacional de Xubilados da Policía Nacional, Tomás Morado, dun galardón a catro funcionarios policiais pertencentes á citada entidade en recoñecemento á súa carreira profesional: José Balseiro Baamonde, Arsenio López González, José Miraz Carballeira e José Vilariño Mellid.
A continuación, pechou o acto a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que destacou a “vocación e profesionalidade no servizo á cidadanía da Policía Nacional”. A rexedora local felicitou aos integrantes do Corpo no día do seu patrón, incidindo no feito de que formen parte “dunha das institución máis valoradas na nosa sociedade” e tamén trasladou os parabéns ás persoas e á entidade ás que se concederon as distincións.
“Os Corpos e Forzas de Seguridade formades parte dun equipo clave para garantir a seguridade, pilar fundamental das nosas liberdades”, recalcou Ferreiro, que destacou tamén a estreita colaboración que manteñen os axentes das policías local e nacional e a recente incorporación do Concello de Narón ao sistema Viogén, para traballar coordinadamente na atención ás vítimas de violencia de xénero. Así mesmo, asegurou que os axentes se adaptaron aos novos tempos e a día de hoxe forman “unha institución integrada por profesionais cunha gran vocación de servizo público”. “Por estas e moitas máis razóns, sodes merecedoras e merecedores do máximo dos respectos, de toda a miña admiración e de cantos recoñecementos vos poidamos facer non só neste día, o do voso patrón, senón de calquera outro día do ano”, subliñou a alcaldesa da cidade, que rematou a súa intervención valorando o firme compromiso e entrega dos axentes.
A continuación reproduciuse o himno da Policía Nacional e, para rematar, serviuse un pequeno ágape.