A actividade terá lugar o sábado 2 de novembro na Biblioteca municipal, tal e como anunciou a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro
Narón, 30 de outubro de 2024. A Biblioteca municipal acollerá este sábado, día 2, o contacontos infantil e para público familiar Burromaquia, da compañía Fantoches Baj. A convocatoria dará comezo ás 11.00 horas e os nenos e nenas que queiran acudir poden anotarse no mostrador da Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173, tal e como indicou a edil responsable da área, Olga Ameneiro.
Burromaquia é un espectáculo de narración oral a partir dunha selección de contos, fábulas, poemas e cancións no que se fala con simpatía dese animal tan entrañable como é o burro. Os menores participantes irán descubrindo a medida que avanza o espectáculo a historia do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas.
Os nenos e nenas deben ter o carné da rede de Bibliotecas sen sancións pendentes para poder participar.