ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA DIRIXIDO A PÚBLICO INFANTIL
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, avanzou que a actividade se desenvolverá o 9 de novembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros
Narón, 4 de novembro de 2024. O Concello programou, a través do Servizo de Normalización Lingüística, un obradoiro de banda deseñada dirixido a público infantil, a partir de 8 anos. A edil responsable da área, María Lorenzo, avanzou que terá lugar este sábado, día 9, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de tarde, dende as 17.30.
A recoñecida ilustradora Irene Sanjuán será a encargada de impartir o obradoiro, no que os menores aprenderán os principais elementos da linguaxe narrativa visual do cómic, unha forma de narrar, nun ambiente de traballo ameno e apoiado ademais coa proxección de materiais visuais.
As persoas que desexen participar deberán anotarse, de balde, a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome e idade do neno ou nena que acudirá, o nome do pai, nai ou adulto responsable que realiza a inscrición e un número de teléfono e unha dirección de correo electrónico de contacto.
O obradoiro impártese a través de FalaRedes, da Rede de Dinamización Lingüística, un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística pensado para encher o tempo de lecer de actividades en galego.