O GRUPO DE INVESTIGACIÓN HISTAGRA RETOMOU HOXE AS PROSPECCIÓNS PARA LOCALIZAR UNHA FOSA COMÚN NO CEMITERIO DA PARROQUIA DO VAL
Os edís Román Romero, Mar Gómez e Pablo Mauriz, integrantes do goberno local, desprazáronse este mediodía ata a zona para falar co equipo que realiza os traballos
Narón, 4 de novembro de 2024. O grupo de investigación de Histagra (Historia Agraria e Política Rural da Universidade de Santiago de Compostela) iniciou hoxe unha nova prospección no cemiterio parroquial do Val para tratar de localizar unha fosa común na que habería 51 vítimas do franquismo. Os edís Román Romero, Mar Gómez e Pablo Mauriz, integrantes do goberno local, desprazáronse este mediodía ata a zona para falar co equipo que está traballando, onde tamén están representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática e algúns veciños e veciñas.
As prospeccións realízanse agora na parte frontal dunha ringleira de nichos do citado camposanto, onde tratan de buscar algúns indicios máis de que poida estar alí ubicada a fosa común. Dende o equipo de Histagra explicaron que os traballos se executarán durante as dúas vindeiras semanas, aínda que o tempo podería ser superior en función de cómo avancen e dos resultados do mesmo.
O equipo prevé rematar a primeira fase de identificación este mesmo ano, para obter a información que permita determinar se é posible realizar unha exhumación, cuestión para a que terán que contactar coas familias.
Os representantes do goberno local trasladaron ao equipo o apoio do Concello naquelas áreas nas que fose preciso para continuar avanzando nestes traballos e saldar unha débeda histórica cos milleiros de persoas asesinados na Guerra Civil e na posguerra. Este labor realízase ao abeiro do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para actuacións dentro do Plan Cuatrienal de Memoria Democrática de Galicia 2021-2024.