O CONCELLO RENDEU UNHA HOMENAXE AO SECRETARIO XERAL, ALFONSO DE PRADO FERNÁNDEZ-CANTELI, POLOS SEUS 25 ANOS DE SERVIZO EN NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto, ao que acudiron representantes da actual e anteriores corporacións, os exalcaldes Xoán Gato e José Manuel Blanco, e persoal funcionario
Narón, 4 de novembro de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá o acto de recoñecemento que dende o Concello se brindou ao secretario xeral, Alfonso de Prado Fernández-Canteli, polos seus 25 anos de servizo, que se cumpren no día de hoxe. Á convocatoria acudiron os representantes da actual corporación local, e algúns das anteriores, os exalcaldes que traballaron con De Prado, Xoán Gato e José Manuel Blanco, e tamén persoal funcionario.
Ao inicio do acto Ferreiro leu a acta na que se recolle o nomeamento do secretario xeral, do ano 1999, a través da que se confire a Comisión de Servizos para o desenvolvemento do posto de secretario xeral do Concello de Narón. Licenciado en Dereito, secretario de Concello de categoría superior, autor de diversos traballos publicados en revistas xurídicas, experto en emprego público e xerencia pública locais… forman parte do seu dilatado currículo, que antes que a Narón o levou a exercer en concellos como Valdoviño ou Nerpio (Albacete), entre outros.
A rexedora local destacou a traxectoria do secretario xeral e fixo un repaso por parte do seu traballo, que constitúe xa un legado da administración local naronesa. A recuperación oficial da fidalguía acadada no século XIV polo valente apoio ao reinado de Alfonso XI na batalla de Salado, pola que se recoñece a Narón como “Fidalga cidade”; o seu labor a prol da creación da empresa mixta de auga, Cosma; a posta en funcionamento do Portal de Transparencia de Narón e a elaboración do Plan Normativo de Narón, entre outros.
A Alfonso de Prado concedéuselle ademais hai uns anos a primeira Medalla da Policía Local de Narón na historia do Concello, pola súa traxectoria altruísta e exemplar cos Corpos de Seguridade de Narón.
“No meu nome propio, no do persoal funcionario e no das compañeiras e compañeiros de corporación, actual e das anteriores, que representan ás veciñas e veciños de Narón, quero que saibas que estamos moi orgullosos e agradecidos polo traballo que levas realizando neste tempo por esta cidade”, asegurou Ferreiro. Así mesmo, agradeceulle a súa “lealdade, fidelidade, honestidade e compromiso” e a súa vocación de servizo público. A nivel persoal, a alcaldesa tamén quixo destacar a súa axuda durante todos estes anos, por “remar a favor para que o día a día desta administración sexa máis sinxelo cando os ventos non sopran a favor”.
A continuación, Alfonso de Prado tomou a palabra para recordar algunhas anécdotas da súa chegada ao Concello. “Procurei sempre seguir unha frase que dicía meu pai, de ser recto como unha parede”, indicou, para a de seguido valorar a súa experiencia laboral cos dous exalcaldes cos que traballou e tamén con Marián Ferreiro, “coa capacidade de saber o que pasou hai 25 anos, coñecendo os pormenores do que aconteceu dende que Narón era unha aldea ata a cidade na que se convertiu”.
O secretario xeral calificou de “marabillosos” aos seus compañeiros e compañeiras funcionarios “son o sostén e sempre darei a cara por eles”, e incidiu en que “no tempo que me quede antes de xubilarme seguirei dando todo o mellor de min para que Narón siga sendo un referente na comarca”, para finalmente rematar recoñecendo sentirse emocionado e agradecido por este acto.
A alcaldesa da cidade entregoulle posteriormente unha réplica da escultura “Anduriña”, obra do artista luso Manuel Patinha –fillo adoptivo de Narón-. Esta peza, tal e como apuntou Ferreiro, representa a prosperidade que se xerou co paso do tempo nesta cidade, “un logro no que como diciamos antes o secretario xeral foi unha peza fundamental”.