A BIBLIOTECA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NO OBRADOIRO INFANTIL "COÑECENDO O CONCELLO DE NARÓN"
A edil Olga Ameneiro avanzou que a actividade se desenvoverá este venres, día 22, en horario de tarde
Narón, 18 de novembro de 2024. A Biblioteca municipal abrirá mañá o prazo de inscrición na proposta lúdica infantil “Coñecendo o Concello de Narón”. Trátase dunha iniciativa, tal e como indicou a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, pensada para menores de 5 a 7 anos que terá lugar este venres, día 22, nas citadas instalacións, a partir das 18:00 horas.
Os menores participantes poderán coñecer mellor o noso concello e tamén reforzar os seus coñecementos a través de dous xogos interactivos. Ao final crearán un títere da Abella Nara, a nosa mascota especial, e terán a oportunidade de realizar unha fotografía de recordo no photocall da Abella Nara.
As reservas de praza poden realizarse dende mañá ás 16:00 horas, na Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173. Os nenos e nenas teñen que ter o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes.