A BIBLIOTECA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NO ESPECTÁCULO DE NARRACIÓN ORAL "UN RAPAZ DE ALDEA"
A edil de Biblioteca, Olga Ameneiro, avanzou que a actividade se levará a cabo este sábado
Narón, 25 de novembro de 2024. A Biblioteca abrirá mañá o prazo de inscrición no espectáculo “Un rapaz de aldea”, unha proposta de narración oral dirixida a público infantil e familiar. A concelleira responsable da área indicou que para poder asistir é preciso que os menores teñan os catro anos cumpridos e reservar praza, a partir de mañá ás 16:00 horas, de xeito presencial na Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.
O espectáculo dará comezo ás 11:00 horas e correrá a cargo de Caxoto. Os participantes desfrutarán dun percorrido pola súa propia infancia na aldea dos anos 90, na que Caxoto mestura as súas lembranzas coas de Balbino, o protagonista da obra de Xosé Neira Vilas, nunha viaxe pola vida dos nenos e nenas de aldea de onte e de hoxe.
Trátase dunha proposta inesquecible para descubrir, rir e aprender sobre a Galicia rural a través da narración oral.