A edil de Benestar Social, María Lorenzo, e Lara Caro, do parque infantil Bule Bule, presentaron o evento, no que se recadarán fondos para un colexio afectado pola DANA en Valencia
Narón, 26 de novembro de 2024. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, presentou hoxe xunto con Lara Caro, do parque infantil Bule Bule, a Festa infantil solidaria que se celebrará o vindeiro 14 de decembro no pavillón da Mocidade, na Gándara. A cita desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e dende as 16:30 ata as 20:30 horas e o custe da entrada será de 5 euros (a entrada únicamente vale para un acceso ao recinto).
Dende a organización indicaron que toda a recadación se destinará íntegramente ao colexio CEIP Fernando Baixauli Chornet, afectado pola DANA en Valencia, tanto a nivel de construción como por roubos posteriores. “Eliximos ese centro porque atopamos un aviso de que era un dos centros que precisaban axuda pola DANA e xa nos quedamos con esa opción porque na organización todos traballamos con nenas e nenos”, indicou Lara Caro. Así mesmo, recordou que se habilitou unha Fila 0: ES34 3159 0011 1523 9717 7822, unha conta que é directa do propio centro de ensino valenciano.
Inchables, pintacaras, tatuaxes, obradoiros de Nadal, visita de personaxes, sorteos de agasallos –doados por varios establecementos da cidade e comarca- e moitas outras sorpresas forman parte das propostas deseñadas para desfrutar desta Festa infantil solidaria.
A maiores, tal e como indicaron, haberá exhibicións de baile de academias como Danza Paloma, Paso a Paso, Un Paso Adelante…
O Concello colabora na organización deste evento solidario xunto coas empresas Bule Bule, Fiestoke, Multiocio E.T., Capuchino, Gazapo, La Guagua, IlusiónArte e Burbujas.
“Queremos agradecer de antemán a asistencia a todas as persoas que poidan colaborar con esta causa solidaria e, como non, o traballo de todas as empresas que se sumaron a esta iniciativa para axudar neste caso aos nenos e nenas de Valencia ante unha catástrofe con tan graves consecuencias como as que deixou a DANA ao seu paso por esa e outras comunidades”, asegurou María Lorenzo. A edil naronesa avanzou que “dende o Concello continuaremos colaborando na medida das nosas posibilidades para tratar de axudar ás persoas afectadas, tal e como facemos a través do Centro de Recursos Solidarios e doutras iniciativas”.