A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, anunciou que a convocatoria se desenvolverá o día 12 deste mes
Narón, 3 de decembro de 2024. O Concello abre o prazo de inscrición na actividade “Nadal con Apego”, unha proposta para público familiar do programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego. A concelleira de Normalización Lingüística, María Lorenzo, explicou que se trata dun espectáculo de narración oral que terá lugar o vindeiro 12 de decembro, ás 17:00 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.
A iniciativa contará coa colaboración de persoas que participan nos grupos de Memoria do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, que lles contarán como vivían o Nadal cando eran pequenos, como o festexaban, as cancións que cantaban, se tiñan moitos agasallos… e tamén recordarán curiosidades desas datas, anécdotas e algunhas panxoliñas, enchendo de maxia unha xornada ideada para compartir historia e ilusión entre diferentes xeracións.
A actividade é de balde pero para poder participar é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal, indicando no mail o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena que acudirá e o da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación será por estrita orde de inscrición.
A Concellería de Política Lingüística de Narón organiza esta convocatoria a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.