O CONCELLO ACTIVARÁ UN HOSPITAL DE CAMPAÑA E O PUNTO VIOLETA DURANTE A FESTA DE FIN DE ANO NA PRAZA DE GALICIA
A celebración dará comezo ás 01:00 horas do día 1 de xaneiro baixo unha gran carpa na Praza de Galicia
Narón, 30 de decembro de 2024. A Festa de Fin de ano do Concello de Narón celebrarase na madrugada do 1 de xaneiro, a partir das 01:00 horas, unha hora despois das campanadas. A orquestra Origen e o Grupo Claxxon amenizarán esta convocatoria, para a que dende o Concello se habilitou un hospital de campaña e un Punto violeta, operativos ata que remate a festa.
O hospital de campaña localizarase nas instalacións do Auditorio municipal, na Praza de Galicia, e estará atendido por persoal de Protección Civil e con servizo de ambulancia por se fose necesario.
En canto ao Punto Violeta, tamén na Praza de Galicia, estará atendido por tres persoas, para ofrecer información de cara á prevención e tamén atención en posibles casos de agresións sexuais e lgtbfóbicas. “O obxectivo é conseguir unha festa de tolerancia cero fronte ás agresións, para o que se repartirá material de sensibilización entre as persoas participantes e realizaranse intervencións no caso de que a situación o requira”, indicouse. Así mesmo, instalarase cartelería no espazo festivo, para dar a coñecer os pasos a seguir se se presencia ou sofre algunha agresión sexual ou lgtbfóbica, buscando un espazo coidadoso e seguro para as persoas. Este Punto violeta enmárcase na campaña A noite en igualdade do Concello de Narón, creada a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdad) para sensibilizar sobre as violencias que se dan no contexto do ocio nocturno e erradicalas en colaboración con todos os axentes implicados.