A BIBLIOTECA ABRE MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA ACTIVIDADE LÚDICA PARA CONMEMORAR O PASAMENTO DE CASTELAO
A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, indicou que a iniciativa se levará a cabo o 25 de xaneiro
Narón, 20 de xaneiro de 2025. A Biblioteca municipal acollerá este sábado, día 25, ás 11:00 horas, unha actividade lúdica organiza con motivo da conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A concelleira de área, Olga Ameneiro, informou que se trata dunha proposta dirixida a maiores de 4 anos e para a que é preciso inscribirse, a partir de mañá ás 16:00 horas, de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.
Con motivo da efeméride do pasamento de Castelao organizouse esta actividade para que as nenas e nenos se acheguen á súa figura, por ser un dos grandes persoeiros da nosa terra. Os menores participantes poderán coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Castelao dun xeito lúdico e participativo. Aprenderán xogando cos materiais especialmente deseñados polo persoal da Biblioteca que poderán levar despois para a casa.
Para poder participar é preciso que os menores teñan o carné da rede da Biblioteca sen sancións pendentes.