O PASEO DE XUVIA ACOLLERÁ O VINDEIRO 7 DE XUÑO UNHA FESTA DO MARISCO ORGANIZADA POLO CONCELLO E A CONFRARÍA DE PESCADORES DE BARALLOBRE
A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o presidente da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López, presentaron o evento
Narón, 29 de maio de 2025. A concelleira de Festas, Mar Gómez, e o presidente da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López, presentaron a programación da Festa do marisco que se celebrará o vindeiro 7 de xuño no paseo marítimo de Xuvia. Vieiras, zamburiñas, navallas e paella de marisco son algunhas das propostas culinarias desta xornada, que terán un custe de entre 6 e 15 euros e cuxos tickets se venderán nas inmediacións da carpa o mesmo día da festa. Baixo unha carpa instalada no paseo, con mesas e cadeiras, cociñarase para uns 600 comensais, atendendo ás estimacións da organización.
Un chef da comarca realizará unha degustación culinaria de balde ás 12:00 e outra ás 18:30 horas. “Explicará un pouco como se extrae o carneiro, como se cociña, as súas propiedades… un marisco que é bastante común dende a década dos 90 pero que non tiña ao inicio valor comercial”, asegurou López. Así mesmo, tamén se instalará un stand con produtos da confraría e haberá un área con inchables para as nenas e nenos.
“Queremos agradecer a colaboración do Concello, porque é moi importante para nós que unha das cidades máis importantes de Galicia nos dea esta oportunidade”, asegurou o presidente da Confraría. López destacou a importancia de “poder amosar os nosos produtos ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos, para que os coñezan e valoren que son de quilómetro cero, sostibles”. Dende a entidade recordaron que contan con bancos marisqueiros dende Narón (concretamente dende a rampa da Faísca, no Couto, por Xuvia e ata a rampa do Seixo, en Fene) e “a gran maioría dos nosos socios pertencen a este concello”, asegurou.
Pola súa banda, a concelleira de Festas, Mar Gómez, destacou “a importancia de apoiar este tipo de festas gastronómicas, que axudan a poñer en valor os nosos produtos e, ao mesmo tempo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tamén a nosa cidade”. A edil naronesa animou á cidadanía a achegarse a esta festa do marisco e desfrutar dunha xornada gastronómica no paseo de Xuvia”.