As familias interesadas poden contactar coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui
Narón, 11 de xuño de 2025. As familias interesadas en participar no programa “Vacacións en Paz”, impulsado dende a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) e no que colabora o Concello, están aínda a tempo de anotarse ata o 17 deste mes. Así o recordaron a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e a representante na zona de Sogaps, Maite Martínez. As persoas interesadas poden recibir máis información do programa ou anotarse a través dos teléfonos 678 727 382 ou 986 262 637.
A comezos de xullo está prevista a chegada á cidade de menores de entre 8 e 12 anos que residen nos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia), e permanecerán en Narón ata finais do verán, cando regresarán de novo coas súas familias.
Os menores acudirán a revisións médicas e participarán en diferentes actividades coas súas familias de acollida, afastados das elevadas temperaturas que se alcanzan durante o verán nos campamentos de refuxiados, que poden superar os 50 graos.