A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, visitou esta mañá as instalacións
Narón, 11 de xuño de 2025. A oficina de Turismo de Narón, ubicada no parque de Freixeiro, nas inmediacións da glorieta, abriu as súas portas, tal e como anunciou a concelleira responsable da área, Natalia Hermida. O Concello solicitou novamente unha subvención á Deputación da Coruña, que lle concedeu, e con cargo á que se sufragarán os gastos de contratación de dúas persoas diplomadas en Empresas e Actividades Turísticas. A subvención concedida é para o tempo no que permanecerá operativa a oficina, durante catro meses segundo informou a concelleira.
As instalacións permanecerán pechadas os luns e os domingos pola tarde, no resto das xornadas o horario de apertura será de martes a venres entre as 10.00 e as 13.00 e de 16.00 a 20:00 horas; os sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 e os domingos de 10.00 a 14.00 horas.
Hermida explicou que “as persoas que se acheguen ás instalacións disporán dunha completa oferta turística da cidade e tamén dos eventos que se desenvolverán durante estes catro meses na cidade”. A maiores de información local, tamén se facilitará outra relacionada co Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, do que forman parte varios concellos da comarca.
A atención telefónica co persoal da Oficina de Turismo, estará tamén disponible no horario de apertura, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 2301).