O FESTIVAL JAZZ DE RÍA CELEBRARASE DO 15 AO 19 DE AGOSTO EN NARÓN, NEDA, VALDOVIÑO E CEDEIRA
O gran saxofonista Perico Sambeat abrirá un cartel que xunta algunhas das propostas máis audaces do jazz galego e estatal
Narón, 11 de xuño.de 2025- O festival Jazz de Ría avanzou esta mañá as principais propostas musicais dun programa estimulante que volve achegar á costa ártabra cinco días de jazz sen códigos á beira do Atlántico.Do venres 15 ao martes 19 de agosto diferentes enclaves naturais e patrimoniais de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño gozarán de concertos de bandas galegas e estatais que exploran con valentía todos os recunchos do xénero para deixar claro que o jazz é, sobre todo, unha música libre.
Na súa novena edición, o festival consolida un estilo de programación no que se funden paisaxe con descubertas musicais e no que o obxectivo continúa a ser levar a música jazz a todo tipo de públicos co territorio como gran cabeza de cartel. Así o anunciaron esta mañá no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia a directora do Jazz de Ría, Aitana Cuétara, e Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Marián Bello, concelleira de Cultura de Neda; Rosana García, tenente de alcaldía e concelleira de Cultura de Valdoviño; Tamara Sabín, concelleira de Turismo de Valdoviño; e Pablo Diego Moreda, alcalde de Cedeira.
A festa do jazz dará comezo o venres 15 de agosto da man dun dos saxofonistas e compositores de jazz máis respectados no panorama estatal, o valenciano Perico Sambeat, que, despois de actuar nos mellores festivais e auditorios do mundo, chega ao Pazo da Cultura de Narón para presentarlle ao público do Jazz de Ría o seu último álbum, Roneando, no que emprende unha viaxe sonora cara o flamenco que demostra a súa habilidade para explorar novos camiños enredando o jazz con bulerías, tanguillos, alegrías e seguidillas, acompañado por un quinteto de elite integrado por destacados músicos españois.
O sábado 16, o festival comezará a ritmo de swing cunha sesión vermú ao mediodía na Praza do Concello de Xuvia onde a escola Swing On ofrecerá aulas abertas de lindy hop, e continuará pola tarde no Parque Freixeiro de Narón con tres concertos imperdibles. A talentosa cantante e trompetista catalá Alba Armengou presentará Brancos e Grafitos, o novo traballo discográfico no que se une ao guitarrista Vicente López e ao percusionista e cantante Tramel Levalle para fusionar a canción de autor e o folclore latinoamericano. A continuación chegará o quinteto de jazz liderado polo saxofonista vigués Diego Alonso, para sorprender ao público coa sonoridade innovadora e o transfondo filosófico de Nihil, o seu primeiro álbum como compositor nomeado como finalista dos XI Premios Martín Códax da Música no ano 2024. Xunto a Virxilio Da Silva na guitarra eléctrica, Xan Campos no piano, Pablo Patiño ao contrabaixo e Antón Quintela na batería abordará un repertorio inspirado no existencialismo de Jean-Paul Sartre, a modernidade líquida de Zygmunt Bauman, a teoría da aleatoriedade de Jacques Monod e a visión de Friedrich Nietzsche.
O trío de jazz formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaxista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido celebra o seu 25ª aniversario cun concerto especial Sumrrá & Friends no que convidarán a importantes artistas a subir ao escenario para revisitar algúns dos seus temas máis destacados nun espectáculo que, atendendo á propia natureza do grupo, non deixará a ninguén indiferente. Centos de concertos, sete discos publicados e o respecto do público e a crítica internacional nutren a traxectoria deste grupo de culto convertido xa na banda embaixadora do jazz galego máis contemporáneo nos escenarios de todo o mundo.
O domingo 17 o espírito inquedo e imposible de clasificar de Trilitrate será o estímulo sonoro perfecto para un dos escenarios máis singulares do festival, a ribeira de San Nicolás en Neda. A banda visita o Jazz de Ría co seu último disco, Está de Grelo!, un traballo no que xuntan xeografías musicais tan distantes como a africana ou a otomá desdebuxando as liñas existentes entre os ritmos tradicionais, as melodías da clásica, a música étnica, a contemporánea, o jazz ou o hardcore para acadar un universo propio, orixinal e desbordante de beleza nun concerto que Está de Grelo!
O luns 18 pola tarde o festival trasládase a Cedeira, onde abrirá a xornada o Coro da Ra con 50 voces mixtas dirixidas por Ramón Bermejo e dispostas a emocionar o público que se achegue ao Parque dos Patos cun repertorio de versións de música vocal que van desde os Beatles, os Beach Boys ou Queen, ata Pink Floyd, Stevie Wonder, Frank Zappa ou Earth, Wind & Fire, pasando por A.C. Jobim, Caetano Veloso, Chico Buarque ou Marisa Monte; pero que tamén inclúe pezas tradicionais galegas, as grandes cancións de Andrés do Barro, Fran Pérez “Narf”, ou Pepe Sendón e ata a súa propia versión do Himno de Galicia.
Pola noite, no Parque de San Isidro, volveremos ver o pianista cangués Xan Campos, quen despois de publicar cinco discos, de participar en decenas de festivais de Europa e América Latina e de colaborar con algunhas das figuras máis importantes do jazz internacional, dá unha nova viraxe musical nesa clara vontade súa de fuxir do establecido presentando Amorodios, o seu proxecto máis recente ao lado de Faia Díaz, no que se conecta coa tradición oral galega. Completan a banda dous músicos fundamentais do jazz galego: o batería Iago Fernández e o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o festival despedirase o martes 19 ao solpor na praia do Baleo, en Valdoviño, cunha proposta que non pode ser máis acaída para ese privilexiado escenario: os sons cálidos do cuarteto Copos de Avena, que fusionará revisións de boleros clásicos que renden homenaxe á rica herdanza cubana, standards de Bossa Nova e tamén composicións de autoras como Silvia Pérez Cruz, Natalia Lafourcade, Rita Payés ou Jorge Drexler. A formación integrada pola vocalista compostelá, Gloria Pavía, o guitarrista e compositor vigués Iago Marta, o baterista de Domaio Héctor Agulla e a contrabaixista cubana Yudith Almeida consegue achegar unha ollada contemporánea e moi propia a todo este repertorio.
A programación completarase con obradoiros e un roteiro polos Balcóns ao Atlántico que este ano estará guiado por Xurxo Souto e que promete sorpresas. A organización anunciará en breve os detalles para participar. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre.
O Jazz de Ría está organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).