Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA ABRIRÁ MAÑÁ UN PRAZO EXTRAORDINARIO DE INSCRICIÓN NOS CAMPAMENTOS CULTURAIS DE VERÁN 2025
Os menores de 3 a 5 e de 10 a 12 anos dispoñen aínda de vacantes nalgunhas quendas
Narón, 11 de xuño de 2025. Os nenos e nenas de 3 a 5 anos e de 10 a 12 interesados en asistir aos Campamentos Culturais de verán do Pazo da Cultura dispoñen aínda de prazas nalgunhas quendas para poder inscribirse. Con esta finalidade, dende o Padroado da Cultura abrirase un prazo extraordinario, dende mañá xoves ás 8:30 horas ata o vindeiro martes 17 de xuño ás 13:30 horas, para realizar os trámites a través do enlace: https://sedeelectronica.naron.es/opensiac/action/eppublicacion?method=enter&te=AC, ou presencialmente nas oficinas do Pazo da Cultura de xeito presencial, de 8:30 a 13:30 horas de luns a venres. No caso das nenas e nenos de 3 a 5 anos hai algunhas vacantes nas tres quendas dos campamentos: do 30 de xuño ao 11 de xullo, do 14 ao 24 de xullo e do 28 de xullo ao 8 de agosto. No que respecta aos menores de 10 a 12 anos tan só queda algunha praza libre na última quenda, do 28 de xullo ao 8 de agosto. A programación dos campamentos desenvolverase polas mañás, de 9:00 a 14:00 horas, podendo tamén solicitar servizo de madrugadores, a partir das 8:00 horas, as familias que o precisen. O prezo para poder asistir é de 80 euros por persoa e quenda. Os grupos dividiranse por idades, de menores de 3 a 5; de 6 a 9 e de 10 a 12, debendo ter cada grupo un mínimo de 12 e un máximo de 15 menores. Actividades lúdico-educativas como xogos tradicionais, xincanas, baile (tradicional, de salón, moderno, caribeños…), música (coñecemento de instrumentos tradicionais galegos) e teatro forman parte da programación que se desenvolverá nestes campamentos. Así mesmo, inclúense obradoiros sobre reciclaxe e sostibilidade, festas tradicionais, actividades de relaxación e proxeccións de cine, completándose o programa con excursións pola contorna do municipio. A listaxe provisional de admitidos publicarase na Sede Electrónica do Concello mañá xoves a partir das 10:00 horas. Para formalizar a inscrición haberá que realizar o pago da taxa mediante transferencia bancaria –ata o 17 de xuño-, indicando o nome do menor, a idade e a quenda ou quendas seleccionadas e, unha vez realizado o pago, enviar o xustificante ao enderezo de correo electrónico: mc.blanco@naron.gal. Tamén se poderá pagar en efectivo ou con tarxeta bancaria os días 12, 13, 16 e 17 de xuño, en horario de 8:30 a 13:30, nas oficinas do Pazo da Cultura. A lista definitiva será publicada na Sede Electrónica de Narón o día 20 de xuño.

<<< Xuño 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal