Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A XXV FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO CELEBRARASE O VINDEIRO 20 DE XULLO
A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou o evento xunto co presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, e Fran Pico, en representación da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto
Narón, 10 de xullo de 2025. A vixésimo quinta edición da Festa gastronómica do Pemento do Couto celebrarase o vindeiro 20 de xullo. A edil de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento acompañada polo presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, e Fran Pico, en representación da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. O Concello organiza a convocatoria xunto coa AVV do Couto, en colaboración coa Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. A festa gastronómica promocionará un ano máis o pemento do Couto, con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010. A programación deseñada para a ocasión comezará ás 13:00 horas, coa tradicional lectura do pregón no centro cívico social do Couto, unha tarefa que este ano se lle encomendou ao enxeñeiro técnico agrícola Xaquín García Sinde. O xantar popular será a partir das 14:00 horas na carballeira do Couto, nas inmediacións do centro cívico social da parroquia. Os comensais poderán degustar churrasco con pementos do Couto e cachelos, acompañados con pan, auga, viño e café ao tizón, a prezos populares. Os boletos do xantar poden adquirirse a partir deste xoves, día 10, a un prezo de 15 euros para adultos e 7 euros para menores de 12 anos, no centro cívico social do Couto, de 18:00 a 22:00 horas, chamando ao teléfono 981 390 778. Ás 16:30 horas comezarán os xogos populares e ás 17:30 dará comezo o baile, amenizado por Alejandro Caribe. A edil de Festas agradeceu o labor de todas as persoas que colaboran neste evento, do que destacou a súa importancia co fin de continuar poñendo en valor os pementos do Couto. Ao respecto, recordou que se cociñarán para esta festa gastronómica uns 200 quilos desta afamada hortaliza. Gómez incidiu na importancia de “manter este tipo de eventos gastronómicos, neste caso un dos máis consolidados na cidade, que este ano alcanza a súa vixésimo quinta edición”.

<<< Xullo 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal