A PRAZA DA GÁNDARA ACOLLERÁ O VINDEIRO LUNS O ENTROIDO DE VERÁN ORGANIZADO POLA ASCM E O CONCELLO
A concelleira de Festas, Mar Gómez, deu a coñecer a programación da convocatoria xunto con Noemi González, técnica da ASCM
Narón, 14 de xullo de 2025. A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou hoxe xunto con Noemi González, técnico da Asociación Sociocultural ASCM, o Entroido de Verán. Unha convocatoria que se programou para o vindeiro luns, día 21, no centro cívico social da Gándara e é que está aberta á cidadanía en xeral, á que se anima a acudir disfrazada e participar activamente en todas as actividades do programa.
Unha das novidades deste ano, tal e como indicou González, é que se incluíu un apartado gastronómico, cun xantar popular a base de polbo, chourizos, liscos… que dará comezo ás 13:00 horas no propio centro cívico da Gándara. Os tickets poderán adquirirse ese mesmo día na citada localización. Xa pola tarde se retomará a programación ás 18:00 cun pintacaras e ás 18:30 horas haberá unha concentración de disfraces. As persoas participantes poderán saír nun pasarrúas polo barrio ás 19:30 horas, con remate previsto para as 20:30. A maiores, tamén haberá un apartado musical, a cargo de Batukin, dende as 19:00 horas no centro cívico social da Gándara.
A concelleira de Festas, Mar Gómez, felicitou á Asociación Cultural ASCM por manter esta convocatoria un ano máis na tempada estival e recalcou o feito de que se trata “dunha proposta inclusiva e con carácter interxeracional, pensada para desfrutar dunha xornada de Entroido no verán, animando de novo as rúas da cidade, neste caso do barrio da Gándara”.