O PARQUE DO RÍO FREIXEIRO ACOLLERÁ DO 24 AO 27 DE XULLO A FEIRA DA CERVEXA ARTESÁ
A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou a programación do evento, con propostas moi variadas
Narón, 15 de xullo de 2025. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou esta mañá a programación da Feira da cervexa artesá que se celebrará na cidade do 24 ao 27 de xullo. Unha convocatoria que terá lugar no parque do río Freixeiro e que inclúe unha gran variedade de propostas para xente de todas as idades, con catas, concertos, obradoiros, xogos populares e foodtrucks. A entrada ao recinto, así como a asistencia aos concertos e aos obradoiros, é de balde.
“Este evento representará unha moi boa oportunidade para dar a coñecer ao público diversas variedades de cervexa artesá, promocionando a empresas do sector, moitas delas de emprendedoras e emprendedores galegos”, asegurou a edil naronesa. Lupia (A Coruña), Banda (Nigrán), Madroa (Vigo), The One (Sanxenxo), Bacterio (Móstoles), Albufera (Vallecas) e El Jardín del Lúpulo estarán presentes nesta convocatoria, na que se sucederán durante catro días catas de diversas variedades de cervexa. Poderanse probar variedades con castaña, mel, cogomelos, espelta, afumadas, louras, tostadas, amargas… entre as diferentes opcións que se ofertarán durante a Feira da cervexa artesá.
A programación completarase cos concertos de Mr. Fishman, o xoves 24 ás 20:00 horas; Ferrock, o venres 25 ás 22:00; The Know Strangers, o sábado 26 ás 22:00 e, finalmente, Milómanos, o domingo 27 a partir das 20:30 horas.
As nenas e nenos terán tamén un apartado especial neste evento, no que haberá un espazo habilitado para xogos populares pensados para toda a familia: tres en raia, birlos, a ra, lanzamento de cordas… nos que poderán participar persoas de diferentes idades. E xa para o público infantil, durante as xornadas tanto do sábado -18:00 horas- como do domingo -15:00 horas- haberá obradoiros de chapas e de marcapáxinas.
A maiores, para a xente que queira comer na zona do evento, tamén se reservará un espazo para foodtrucks, estando confirmada a asistencia de sete, que ofrecerán comida variada: venezolana, mexicana, hamburguesas gourmet, salchichas alemás, crepes e gofres, pan de millo recheo, e diferentes opcións co pavo –sen glute- como ingrediente principal.