Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PISTA POLIDEPORTIVA DE PEDROSO ACOLLERÁ O DÍA 23 A II FEIRA DE EXALTACIÓN DO PORCO AO ESPETO
A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento no Concello xunto con Ángel Merlán e José Vizoso, presidente e secretario, respectivamente, da asociación veciñal A Pombiña
Narón, 5 de agosto de 2025. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou esta mañá no Concello xunto con Ángel Merlán e José Vizoso, presidente e secretario, respectivamente, da asociación veciñal A Pombiña, de Pedroso, a segunda edición da Feira de exaltación do porco ao espeto. Esta cita gastronómica celebrarase o vindeiro 23 de agosto na pista polideportiva a citada parroquia naronesa. Ao mediodía haberá unha sesión vermú e a partir das 12:00 horas serviranse petiscos de balde para todas as persoas que se acheguen. O esperado menú a base de porco ao espeto poderá degustarse pola noite, dende as 21:00 horas, e tamén se servirá churrasco, chourizos e patacas, acompañados de pan, bebida, sobremesa e café. Despois da cea a programación inclúe unha actuación musical, a cargo de Vanesa Ramil e La Promesa Pop Rock. A veciñanza será a encargada de cociñar ao espeto dous porcos duns 90 quilos de peso cada un. Un labor, como explicou Ángel Merlán, “que comezará cos preparativos ás 9:00 horas do sábado para rematar sobre as 21:00 horas e poder servir a cea aos comensais, que o ano pasado superaron as 300 persoas”. Os tickets para a cea estarán á venda, a prezos populares, dende mañá na cantina da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, de Pedroso. En total habilitáronse 400 tickets, que tamén se poderán adquirir, no caso de que non se esgoten antes, o propio día da festa. Dende o Concello e a entidade veciñal indicaron que se trata dunha cita gastronómica pensada para as veciñas e os veciños de Pedroso “e tamén para todos aqueles de Narón ou doutros concellos que queiran achegarse a pasar unha xornada gastronómica e con música que se prolongará durante parte da noite”. Mar Gómez agradeceu o traballo da entidade veciñal da Pombiña “que un ano máis organiza co Concello este evento, cunha gran tradición na parroquia de Pedroso e ao que esperamos que se anime a xente a acudir”.

<<< Agosto 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal