ÉXITO DE PÚBLICO NA SEXTA EDICIÓN DA FEIRA DE ANTIGÜIDADES, COLECCIONISMO E VINTAGE
A concelleira de Feiras, Mar Gómez, avanzou que en marzo do vindeiro ano se levará a cabo unha nova edición deste evento
Narón, 14 de setembro de 2025. A sexta edición da Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage organizada polo Concello e a asociación Ferro Vello experimentou un novo éxito de público esta fin de semana. Así o asegurou a concelleira de Feiras, Mar Gómez, que destacou a elevada afluencia de persoas que durante onte e hoxe se achegaron ao pavillón da Mocidade, na Gándara, para acudir ao evento.
Unha trintena de anticuarios de Ferrolterra e procedentes doutras comunidades como Asturias, Madrid, Castela León… e tamén de países veciños como Portugal, participaron na convocatoria. Ata Narón trouxeron unha gran variedade de artigos antigos, entre os que se podían ver, e adquirir, mobles, lámpadas, selos, reloxios, apeiros de labranza, potes, libros, moedas e billetes, teléfonos, cestería… que tuveron unha moi boa acollida entre os visitantes.
“Queremos agradecer o traballo da asociación Ferro Vello, que un ano máis traballou con nós para poder desenvolver este evento na cidade, asegurou Gómez. A edil de Feiras incidiu en que “os anticuarios que participaron, según nos trasladaron, levan de novo unha moi boa impresión deste evento, algúns deles xa participaron en anteriores edicións”. A concelleira incidiu en que “esta feira é unha das máis concorridas na cidade, atraendo xente de Narón e de moitos outros concellos da zona, é unha aposta que dende o goberno local fixemos no seu día e que manteremos, polo que en breve comezaremos xa a traballar nunha nova edición, que previsiblemente se levará a cabo no mes de marzo do vindeiro ano”.