ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN OBRADOIRO DE ACOLLEMENTO LINGÜÍSTICO IMPULSADO DENDE O CONSISTORIO
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, indicou que a proposta, cunha duración de trinta horas, é de balde
Narón, 15 de setembro de 2025. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, anunciou a apertura do prazo de inscrición nun obradoiro de acollemento lingüístico impulsado dende a citada área, a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón. Trátase dunha proposta de balde, cunha duración de trinta horas e que require asistencia presencial. Comezará a impartirse o 1 de outubro, os mércores de 10:30 a 12:30 no local social da AVV Chafarís, no Alto do Castiñeiro. A edil naronesa informou que as inscricións deben tramitarse a través do correo: a.pita@naron.gal, facilitando o nome e apelidos da persoa que vai participar, o lugar de procedencia, un número de teléfono e un correo electrónico de contacto.
As clases, dirixidas a persoas maiores de idade que queiran achegarse por primeira vez á lingua e cultura galegas, impartiranse neste idioma. Están especialmente pensadas para persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas, tal e como apuntou María Lorenzo, aínda que están abertas á participación de persoas que queiran iniciarse na aprendizaxe do galego.
Aprender a presentarse, a desenvolverse nunha cafetería ou restaurante, a mercar nunha tenda, tradición oral, música,… son algúns dos contidos que se traballarán neste obradoiro, que busca que o alumnado participante adquira unhas nocións básicas de lingua e cultura galegas para que poidan desenvolverse en galego en situacións cotiás, co obxectivo de favorecer a integración social. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma de asistencia.