Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS PREMIOS YOUTUBEIRAS + ABREN A PARTICIPACIÓN Á CREACIÓN DE CONTIDOS EN GALEGO EN TODAS AS REDES SOCIAIS
As bases pódense consultar na web www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición está aberto ata as 23.59 horas do 16 de novembro
Narón, 17 de setembro de 2025- Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre eles o de Narón, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar o talento en galego nas redes sociais, acada a súa novena edición con grandes cambios nos seus galardóns. Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. Estas novidades anunciáronas hoxe en rolda de prensa a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; o alcalde de Ames, Blas García; o rexedor do Concello de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela. Na súa intervención, Reboreda puxo en valor «a colaboración das tres universidades galegas» neste proxecto, unha colaboración que aos seus ollos amosa «o noso compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas novas fórmulas de comunicación que empregan cada día». «As redes sociais son un ecosistema fundamental para a proxección das linguas», sinalou a vicerreitora antes de engadir que os Premios Youtubeiras+ se volven «máis abertos, máis amplos e aínda máis inclusivos» grazas aos cambios que se introducen nesta novena edición. Categorías, premios e inscrición Precisamente, estas mudanzas centraron a intervención da concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, quen quixo salientar a implicación das diferentes institucións que son compañeiras neste proxecto. «Os esforzos colectivos desde as institucións constitúen o camiño ideal para fortalecer a nosa lingua», puxo de relevo María Dolores Chapela. A representante do concello moañés sinalou que, nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1.000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1.250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23:59 horas. Datos da última edición O rexedor do Concello de Ames, Blas García, encargouse de facilitarlle á prensa as cifras da anterior edición, así como o volume de participación das primeiras convocatorias. Con estes números, García ilustrou a evolución duns galardóns aos que concorreron un total de 89 canles en 2024, fronte aos 68 de 2023. Deles, 49 procedían de YouTube e 40 de TikTok. Ao sumar os vídeos creados en todas estas canles ao longo do certame, o cómputo global representou máis de 19.720 minutos de novos vídeos en galego en ambas as dúas plataformas. No referente ao Premio do Público, García engadiu que en 2024 se presentaron 41 vídeos nesta categoría, fronte aos 24 do curso anterior. Para outorgar este galardón, que se decide por voto popular entre internautas, máis de 5.000 persoas participaron na votación. Por último, García compartiu os datos da primeira edición de Youtubeiras, que tivo lugar entre 2016 e 2017. Por aquela altura, Youtubeiras fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora ao redor das canles. Con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 acadouse a concorrencia de 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano dos confinamentos por mor da pandemia da covid, chegouse ao pico de 536 vídeos. «Alborotar o algoritmo» Ramón Tojo, alcalde de Rois, encargouse de desvelar o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico. O rexedor de Rois lembrou durante a súa intervención que os obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, serán impartidos nesta edición por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando. Tojo deixou xusto para o final un dos elementos máis representativos de cada edición dos Premios Youtubeiras: o seu lema. «Este ano o lema é Alborotando o algoritmo. Con el queremos proclamar que, malia que os algoritmos tratan de gobernar sobre o que vemos nas redes sociais, sobre o que falamos nelas e mesmo sobre como debemos falar, a decisión é sempre nosa. Está na nosa man e, tamén, na nosa lingua», concluíu Tojo. Á rolda de prensa acudiron representantes das diferentes institucións organizadoras: a concelleira de Normalización Lingüística de Oleiros, María José Santos Zas; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, e a concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Carmen Porto Rey.

<<< Setembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal