A ALCALDESA RECOLLEU EN MOS UNHA "BANDEIRA VERDE DE GALICIA" POLAS BOAS PRÁCTICAS MEDIOAMBIENTAIS
Marián Ferreiro valorou os proxectos desenvolvidos na cidade que foron valorados para obter esta distinción
Narón, 14 de outubro de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse este mediodía ao Pazo de Mos, en Pontevedra, acompañada polo responsable da área de Servizos, Jairo Orjales, para recoller unha das Bandeiras verdes de Galicia concedida pola Xunta de Galicia á cidade en recoñecemento ás boas prácticas medioambientais. Dende o Consistorio naronés lévanse a cabo diversos plans e estratexias nesa liña. Ferreiro destacou a concesión desta bandeira e agradeceu o labor de todas as persoas que colaboraron nos diferentes proxectos nesta área e que, recoñecidos dende a administración autonómica, levaron tamén á concesión deste distintivo na cidade.
Entre as actuacións que se presentaron para optar a este recoñecemento figuran, tal e como enumerou Ferreiro, a senda fluvial entre as avenidas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa, que completou un circuíto de 2,2 quilómetros que enlaza os paseos de Freixeiro e Xuvia, apostando pola mobilidade sostible a través do disfrute dun entorno natural e seguro e a pacificación do entorno do colexio de Piñeiros, convertendo o acceso nun espazo peonil para mellorar a seguridade. Entre as máis recentes figura a creación dunha Oficina de Transformación Comunitaria, OTC-Narón, para ofrecer á veciñanza asesoramento enerxético, formación, impulsar a creación de comunidades enerxéticas… e tamén a contratación o pasado ano da enerxía de orixe 100% renovable para as instalacións municipais. A implantación de alumeado led en todos os colexios e instalacións deportivas municipais, no polígono de Río do Pozo, unha campaña de compostaxe doméstica, obradoiros de educación medioambiental nos colexios e abertos á cidadanía a través do proxecto Guizo forman tamén parte das iniciativas que se levaron a cabo na cidade nos últimos tempos.
A través deste galardón distínguese cada ao aos concellos “máis dinámicos neste ámbito”, levando a cabo proxectos e iniciativas encamiñadas ao “coidado do entorno, o respecto da paisaxe, a redución das emisións de CO2, a redución de consumo enerxético e moitas outras, cun selo recoñecido pola cidadanía e potenciais visitantes, reforzando a imaxe dos pobos e localidades máis comprometidos co medio ambiente, a paisaxe e o respecto ao patrimonio cultural”, tal e como figura nas bases da convocatoria.