O Concello de Narón mantén aberto o prazo de inscrición nun curso de Operador/a de guindastres de taller: ponte guindaste, pórtico e semipórtico, cun total de doce prazas. A edil de Formación, Natalia Hermida, anunciou que esta acción formativa, do programa municipal financiado integramente con recursos do Concello, se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Narón poderán acceder as doutros concellos. O período para inscribirse permanecerá aberto ata o 27 de outubro ás 13.30 horas.
Hermida explicou que este curso terá unha duración total de 58 horas entre parte teórica (20h), parte práctica (20h) e módulos transversais (18h), e que as datas previstas do mesmo son do 3 ao 19 de novembro. As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e no Polígono río do Pozo para executar a parte práctica. O horario previsto do curso é de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, agás os días 13,14 e 17 de novembro, que a saída será ás 13.00 horas.
Tecnoloxía de aparatos de elevación, coñecementos xerais de mecánica, normativa aplicable, riscos específicos e medidas preventivas, manipulación de materiais, forman parte dos contidos teóricos, entre outros. Na parte práctica abordarase a manipulación da ponte guindastre con exercicios de elevación e pousado de cargas, así como práctica sobre control e situación de emerxencia. Nos módulos transversais a prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval.
As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.
Para recibir máis información pode consultarse a páxina web do Concello de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).