Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN SOLICITA AO SEPE A APERTURA DUNHA OFICINA NO MUNICIPIO
O Concello de Narón vén de remitir unha carta institucional ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) na que solicita formalmente a apertura dunha oficina deste organismo no termo municipal. A petición, asinada pola alcaldesa, Marián Ferreiro, dá cumprimento á moción aprobada por unanimidade na última sesión plenaria da corporación local.
A rexedora explica que o obxectivo da iniciativa é mellorar a atención á cidadanía da comarca e reducir a saturación das oficinas do SEPE en Ferrol, que actualmente atende tamén a veciñanza doutros concellos próximos. “Narón é un municipio cunha poboación próxima aos 40.000 habitantes e cunha intensa actividade económica e industrial. O volume de xestións que se realizan en materia de emprego e prestacións xustifica sobradamente que contemos cunha oficina propia do SEPE”, subliña Ferreiro. Na misiva remitida á Dirección Provincial do SEPE na Coruña, o Concello ofrece a súa colaboración para facilitar a implantación da nova oficina, tanto mediante a cesión dun espazo municipal axeitado como a través doutras fórmulas de cooperación institucional co Ministerio de Traballo e Economía Social. Ferreiro apunta que a apertura dunha oficina en Narón “non só beneficiaría a veciñanza do noso municipio, senón tamén ao conxunto da comarca de Ferrolterra, contribuíndo a desconxestionar as actuais dependencias ferrolás e a reducir tempos de espera”. A alcaldesa salienta tamén que o Concello defende “un modelo de proximidade nos servizos públicos, especialmente naqueles que teñen un impacto directo na vida das persoas, como é o caso do emprego e das prestacións sociais”. A proposta conta co apoio unánime de todos os grupos municipais, que coinciden en sinalar a necesidade de mellorar a distribución territorial deste servizo estatal. “Trátase dunha demanda xusta e fundamentada, que responde a unha realidade social e económica clara: Narón medrou en poboación e actividade, e precisa dun servizo acorde co seu peso na comarca”, engade Ferreiro. O Concello de Narón agarda agora a resposta do SEPE e do Ministerio de Traballo e Economía Social, e reitera a súa disposición a manter reunións técnicas e institucionais para avanzar na análise da viabilidade desta nova oficina. “Desde Narón seguiremos reclamando máis e mellores servizos públicos para a nosa veciñanza. É unha cuestión de xustiza territorial e de compromiso co benestar da cidadanía”, conclúe a alcaldesa.

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
naron.gal