Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN DUNHA NOVA EDICIÓN DO CLUB DE DEBATE ALINGUA
A Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua) pon en marcha unha nova edición do Club de Debate Alingua, unha iniciativa dirixida ao alumnado de secundaria e bacharelato que ten como obxectivo fomentar o uso oral do galego e impulsar as habilidades comunicativas, o pensamento crítico e o traballo en equipo entre a mocidade.
O prazo de inscrición dos equipos permanecerá aberto ata o 27 de novembro de 2025, a través do Servizo de Normalización Lingüística de cada un dos 15 concellos organizadores. Ademais de Narón, participan Ames, Betanzos, Carballo, Dodro, Ferrol, Pontevedra, Pontedeume, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa. O Club de Debate Alingua está dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, así como a estudantes de ciclos formativos equivalentes, dos centros educativos de Narón. Cada equipo estará composto por entre 4 e 10 membros, acompañados dunha persoa docente responsable, encargada de coordinar, adestrar e representar o grupo durante o proceso. En xaneiro de 2026 terán lugar as sesións formativas, nas que o alumnado inscrito poderá adquirir coñecementos sobre técnicas de comunicación oral, argumentación e desenvolvemento dos debates. Posteriormente, en febreiro, celebraranse as fases previas da competición. Máis alá do propio ámbito competitivo, o Club de Debate Alingua constitúe un espazo de socialización e convivencia, no que a lingua galega se activa e se emprega en contextos tanto formais como informais. As xornadas de formación e as intensas sesións de debate complétanse con actividades de lecer e convivencia, que favorecen a creación de vínculos entre o alumnado participante. Na súa xa longa traxectoria, o Club de Debate Alingua tense consolidado como unha ferramenta de éxito na promoción do galego oral, contribuíndo ao mesmo tempo a fortalecer valores fundamentais como o espírito crítico, a tolerancia ante a diversidade de opinións e o traballo colaborativo.

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
naron.gal