O Pazo da Cultura de Narón rexistrará este sábado un novo 'sold out' coa representación de '1936', o espectáculo dirixido por Andrés Lima que esta fin de semana chega á cidade.
Preto de 2.000 espectadores asistirán ás dúas funcións desta proposta de teatro contemporáneo, que conta cunha capacidade ampliada pola distribución escénica da montaxe.
A produción do Centro Dramático Nacional, xunto a Check In Producciones e El Terrat, ofrece unha visión coral e poliédrica da Guerra Civil española, un dos episodios máis estudados e debatidos da nosa historia recente. Con dramaturxia de Albert Boronat e Andrés Lima, 1936 convida o público a un percorrido por distintos escenarios e voces, amosando a complexidade dun tempo cheo de feridas, silencios e reflexións.
O elenco, integrado por Antonio Durán “Morris”, Cristina Arias, Natalia Hernández, María Morales, Paco Ochoa, Mamen Camacho, Guillermo Toledo e Juan Vinuesa, interpreta homes e mulleres sen distinción de sexo, nun traballo coral que afonda na memoria colectiva e na condición humana.
A montaxe parte dun exhaustivo proceso de investigación en arquivos, bibliotecas e hemerotecas, e ofrece —nas palabras do seu director— “unha mirada afastada de calquera carácter partidista ou propagandístico”, co obxectivo de lembrar, comprender e evitar que as feridas da historia volvan sangrar.
Con escenografía e vestiario de Beatriz San Juan, iluminación de Pedro Yagüe e música orixinal de Jaume Manresa, '1936' propón unha reflexión escénica sobre o pasado, o presente e a responsabilidade colectiva.
O pase do sábado, con todo vendido, confirma o grande interese do público por esta produción que combina teatro, historia e compromiso social.