O pavillón da Gándara acolle este sábado, 22 de novembro, o XX Trofeo ‘Cidade de Narón’ de Tiro con Arco, presentado polo concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, xunto a Magdalena Abella e Anxo Grandal, presidenta e vicepresidente, respectivamente, do Club Arco Narón.
Na cita tomarán parte un total de 78 deportistas pertencentes a 14 clubs. A participación abrangue equipos das catro provincias galegas e mesmo un representante procedente de Cataluña. Ademais, en dez das trece categorías estarán presentes os actuais campións galegos.
O torneo, organizado polo Club Arco Narón coa colaboración da Federación Galega de Tiro con Arco, a Concellería de Deportes e o Servizo de Deportes do Concello de Narón, disputarase en modalidade WA en sala e desenvolverase en dobre xornada. Pola mañá competirán as categorías de base —Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil (U15) e Cadete (U18)— con inicio da primeira serie ás 09.25. Na sesión de tarde será a quenda de Júnior (U21) e Sénior (Absoluta), que dará comezo ás 14.25 horas.
Todos os participantes deberán completar o round clasificatorio con dúas series de 30 frechas en tandas de tres, segundo a normativa RFETA. Ademais da clasificación final do torneo, que se resolverá mediante encontros individuais, elaborarase unha clasificación do round separada por categorías que será remitida á Federación Galega.
O Club Arco Narón outorgará un Trofeo Especial ás mellores puntuacións do round sobre diana tripla vertical, tanto en recurvo como en composto. Ademais, a organización garante podio para os tres primeiros postos de cada categoría.