O Concello de Narón, a través do Departamento de Seguridade Vial, activou dúas propostas dirixidas á comunidade educativa e ás familias co obxectivo de promover unha mobilidade segura, solidaria e participativa durante as festas de Nadal.
Do 1 de decembro ao 4 de xaneiro, desenvolverase a campaña solidaria “A túa vella bici vale un sorriso”, destinada a recoller bicicletas, patinetes e cascos en bo estado para darlles unha segunda vida. O material pode entregarse nos centros escolares participantes ou directamente na oficina de Seguridade Vial do Concello.
O propósito desta iniciativa é transformar vehículos que xa non se usan en moitos fogares nun agasallo de Nadal para nenos e nenas de familias con menos recursos, garantindo que poidan gozar dunha bici ou dun patinete nestas datas tan especiais.
Paralelamente, entre o 1 e o 16 de decembro, o alumnado dos centros educativos de Narón está convidado a participar na actividade creativa “Viste o teu patinete ou bici polo Nadal”. A proposta anima as nenas e nenos do municipio a decorar as súas bicicletas e patinetes con luces, lazos, adornos ou elementos personalizados, enchendo de cor e espírito festivo as entradas aos colexios.
Ademais de fomentar a imaxinación e a participación das familias, esta iniciativa reforza o programa municipal de mobilidade “Pegadas seguras”, impulsando unha entrada ao colexio máis lúdica, segura e respectuosa coa contorna. Trátase dunha acción que combina creatividade, convivencia e diversión, contribuíndo a xerar ambiente navideño nas contornas escolares e no conxunto do municipio.