“UN CREPÚSCULO DE ILUSIÓNS" GUIARÁ A CHEGADA DE MELCHOR, GASPAR E BALTASAR ÁS RÚAS DE NARÓN
Narón volverá vivir na tarde do 5 de xaneiro unha das citas máis agardadas do Nadal coa celebración da Cabalgata de Reis, que este ano leva por título “Un crepúsculo de ilusións”, unha proposta artística de gran formato presentada pola alcaldesa, Marián Ferreiro, que destacou o carácter participativo e o peso do talento local nun evento pensado para toda a veciñanza.
A cabalgata partirá ás 18.00 horas dende o CEIP de Xuvia e avanzará pola estrada de Castela ata a praza de Galicia, onde terá lugar a tradicional recepción real a Melchor, Gaspar e Baltasar. Durante o percorrido, as rúas iranse transformando nun escenario no que se mesturarán luz, movemento e personaxes saídos do universo dos contos.
A comitiva real estará integrada por sete carrozas e cinco espectáculos profesionais de gran formato: ‘Estrelas’, que abrirá o desfile cun ceo luminoso en movemento; ‘A danza das Cartas’, coa Carteira Real e as súas cartas danzantes como fío condutor dos primeiros desexos da infancia; ‘Candore’, un espectáculo dominado pola luz branca e a percusión en directo; ‘Cores da Noite’, con figuras sobre zancos que debuxan coreografías de luces no crepúsculo; e ‘Atalantes’, unha escena inspirada no mundo mariño que traerá ás rúas seres chegados do fondo do océano.
Xunto a estas montaxes profesionais, a cabalgata contará cunha ampla presenza de participantes locais. Tomarán parte a Banda de Gaitas de Narón e a Banda de Música da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que poñerán banda sonora ao percorrido, así como a Escola da Danza de Narón, presente con cinco combos diferentes que intervirán en varias escenas da comitiva. A danza completarase coa participación de Amei Escola de Danza, integrada na escena inspirada nas Mil e unha noites.
A implicación da cidadanía volverá ser un dos sinais de identidade da cabalgata. Un total de 45 persoas voluntarias, elixidas mediante sorteo, participarán activamente no desfile: 36 formando parte das carrozas e 9 como paxes, ademais doutros personaxes que acompañarán as distintas escenas.
A proposta inclúe tamén a presenza de Gulliver e os lilliputienses, como lembranza e promoción do Gulliver Festival, unha cita cultural que se celebra anualmente en Narón e que sitúa o municipio como referente das artes de rúa.
Ferreiro destacou o carácter colectivo desta cabalgata, na que conviven espectáculos profesionais, escolas locais e veciñanza, e animou a asistir tanto ao percorrido como á recepción aos Reis Magos na praza de Galicia, que porá o ramo a unha tarde pensada para ser compartida en familia.