O CONCELLO DE NARÓN COLABORA CON CIBERVOLUNTARIOS NA REALIZACIÓN DE CURSOS GRATUÍTOS DE FORMACIÓN DIXITAL
O Concello de Narón, a través dun convenio de colaboración coa fundación Cibervoluntarios, promove a realización de cursos gratuítos de formación dixital presencial que se desenvolverán nos vindeiros meses na Casa da Mocidade.
A iniciativa, enmarcada no programa YoConecto, ten por obxectivo mellorar as competencias dixitais da cidadanía, facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e promover un uso seguro de Internet e das ferramentas dixitais no día a día.
Dunha banda, a asociación oferta cursos dirixidos á poboación maior de 18 anos, centrados na creación de contidos dixitais, na procura de emprego e na mellora da empregabilidade. Neste bloque inclúense as accións formativas “Crea contido con IA”, que se impartirá do 23 ao 26 de febreiro, de 17:00 a 20:00 horas; “Como buscar emprego no mundo dixital”, do 9 ao 12 de marzo, tamén de 17:00 a 20:00 horas; “O teu currículum dixital”, do 23 ao 26 de marzo, no mesmo horario; así como “Seguridade: protexe o teu mundo dixital”, do 20 ao 23 de abril, e “Apps útiles para a xestión de trámites en Internet”, do 11 ao 14 de maio, ambos de 17:00 a 20:00 horas.
Doutra banda, prográmase un curso específico para persoas maiores de 60 anos, orientado a facilitar a iniciación no uso das tecnoloxías dixitais e a comunicación a través de dispositivos móbiles e aplicacións habituais. Esta formación inclúe: “Iniciación ao mundo dixital”, do 23 ao 26 de febreiro, de 10:00 a 13:00 horas; “Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram”, do 16 ao 19 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas; “Seguridade: protexe o teu mundo dixital”, do 20 ao 23 de abril, de 17:00 a 20:00 horas;” Apps útiles para a xestión de trámites en Internet”, do 11 ao 14 de maio, de 17:00 a 20:00 horas; e “Aprende a manexar as túas redes sociais”, do 18 ao 21 de maio, de 10:00 a 13:00 horas.
As inscricións para participar nestas accións formativas impulsadas por Red.es con fondos da UE, tramitaranse a través da asociación Cibervoluntarios. As persoas interesadas poden inscribirse directamente a través do código QR dispoñible no cartel ou da ligazón https://yoconecto.org/#solicita-formacion.
Desde o Concello anímase á veciñanza a aproveitar esta oferta formativa gratuíta, que contribúe a reducir a fenda dixital e a fomentar un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías.