Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN CONTINÚA A EXPORTAR O SEU MODELO DE EDUCACIÓN VIARIA A COSTA RICA COA CREACIÓN DUN CORREDOR ACTIVO
O convenio de cooperación en materia de educación viaria entre o Concello de Narón e a cidade costarricense de Heredia continúa dando novos froitos coa posta en marcha dun corredor de mobilidade activa no distrito de Mercedes Norte, unha iniciativa inspirada na experiencia desenvolvida polo municipio naronés desde hai anos neste ámbito.
Xoves, 19 de febreiro de 2026. A actuación foi recentemente inaugurada pola municipalidade de Heredia coa participación directa da veciñanza e da comunidade educativa, e mesmo foi recollida pola televisión nacional do país centroamericano, que destacou o carácter educativo e comunitario do proxecto. Durante a emisión, a xestora responsable da iniciativa explicou que o corredor activo “nace do convenio que temos con Narón, España”, subliñando que o traballo consistiu en adaptar ao contexto local os modelos de seguridade viaria e mobilidade sostible compartidos polo municipio galego. O novo espazo combina ocio e aprendizaxe mediante xogos de chan, sinalizacións viarias adaptadas á infancia, circuítos ciclistas e elementos lúdicos que permiten aprender as normas de circulación dunha maneira participativa. Segundo explicaron desde a organización do proxecto na reportaxe televisiva, o obxectivo é que nenos, nenas e tamén persoas adultas interioricen hábitos de mobilidade segura e sostible mentres utilizan un espazo público pensado para o encontro veciñal. A iniciativa contou coa implicación de centros educativos da zona —entre eles as escolas José Figueres Ferrer, Mercedes Norte e Mercedes Sur— así como de artistas e residentes, que participaron no deseño e pintado do corredor. A cooperación entre Narón e Heredia remóntase a 2019, cando ambas cidades iniciaron un proceso de intercambio de coñecementos en educación e seguridade viaria que culminou posteriormente nun protocolo oficial de irmanamento e colaboración. Este acordó contempla o desenvolvemento conxunto de programas relacionados coa mobilidade segura, a infraestrutura viaria, a convivencia cidadá e diferentes iniciativas educativas. Nun encontro institucional celebrado en marzo de 2025, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacaba que o traballo realizado polo equipo municipal de Educación Viaria —integrado, entre outros profesionais, por Pedro Caneiro e Sonia López— tense convertido nun referente exportable a outras cidades. Pola súa banda, a alcaldesa de Heredia, Ángela Aguilar, xa subliñaba daquela que a colaboración co municipio galego permitira implementar obradoiros e corredores activos en centros educativos, facendo máis atractiva a aprendizaxe da seguridade viaria entre a infancia. O proxecto dos corredores de mobilidade activa en Heredia xa obtivo recoñecementos no país centroamericano, incluíndo premios vinculados á arquitectura e á infancia por iniciativas baseadas en xogos educativos deseñados coa participación directa dos menores. Estes proxectos, desenvolvidos co asesoramento do equipo naronés, apostan por integrar educación, urbanismo e participación cidadá para promover cambios culturais na forma de entender a mobilidade urbana. A nova actuación en Mercedes Norte consolida así a transferencia internacional do modelo de educación viaria impulsado desde Narón, demostrando —segundo destacan desde ambas administracións— que a cooperación municipal pode contribuír a crear cidades máis seguras, sostibles e orientadas ás persoas, especialmente á infancia.

<<< Febreiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
naron.gal