Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O SPEIS DE NARÓN ORGANIZA UNHA FORMACIÓN EN RESCATE DE BOMBEIROS EN INCENDIOS ESTRUTURAIS
O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) do Concello de Narón celebra este venres e sábado unha xornada formativa centrada no rescate de bombeiros en incendios estruturais, unha das situacións máis complexas e críticas ás que se poden enfrontar os equipos de emerxencias durante unha intervención.
Venres, 20 de febreiro de 2026. A actividade desenvólvese en horario de 9.00 a 20.00 horas nas instalacións do antigo centro de saúde de Narón, habilitadas como espazo de prácticas para recrear condicións reais de intervención. A iniciativa concíbese como un lugar de aprendizaxe, avaliación e reflexión colectiva sobre as fortalezas operativas dos equipos, así como sobre as necesidades e carencias que poden aparecer cando un bombeiro precisa ser rescatado no interior dun incendio. Durante a formación traballaranse diferentes aspectos técnicos fundamentais para garantir a seguridade do persoal intervinte. Entre os contidos inclúense a correcta colocación e retirada dos equipos de respiración autónoma (os dispositivos que permiten aos bombeiros respirar en ambientes con fume), técnicas de avance seguro no interior dos edificios, control do consumo de aire durante as intervencións e o uso do sistema HIT, empregado para localizar a un bombeiro en situación de emerxencia. Tamén se abordarán escenarios complexos como atrapamentos por cables ou elementos estruturais, o paso por espazos moi reducidos e o denominado “manancial da vida”, unha manobra destinada a garantir a subministración de aire a un bombeiro con dificultades respiratorias mentres se executa o seu rescate. A formación está impartida por Pepe Niñerola, bombeiro do Consorcio Provincial de Bombeiros de Alacante, con ampla experiencia internacional como instrutor en cursos especializados de loita contra incendios en contornas estruturais e rescate de emerxencia. Segundo explicou David Esclusa, bombeiro e membro do SPEIS do Concello de Narón, “este tipo de adestramentos son fundamentais porque nos permiten prepararnos para un escenario pouco habitual, pero de máxima gravidade: ter que rescatar a un compañeiro. Practicar en condicións controladas axúdanos a detectar erros, mellorar procedementos e gañar coordinación e confianza como equipo”. Esclusa destacou ademais que “a seguridade dos propios bombeiros é clave para garantir unha resposta eficaz á cidadanía. Canto mellor preparados esteamos nós, maior será tamén a capacidade de protexer as persoas en situacións de emerxencia”. Con esta iniciativa, o SPEIS do Concello de Narón reforza a formación continua do seu persoal e aposta por incorporar técnicas actualizadas e experiencias doutros servizos de bombeiros, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta ante intervencións de alta complexidade.

<<< Febreiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
naron.gal