DEPORTE, FORMACIÓN E ACTIVIDADES CULTURAIS CENTRAN A PROGRAMACIÓN POLO DÍA DA MULLER EN NARÓN
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou a programación municipal organizada con motivo do 8M, acompañada pola concelleira de Igualdade, María Lorenzo; o edil de Deportes, Ibán Santalla; e a concelleira responsable da área de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
Mércores, 25 de febreiro de 2026. Durante a presentación, a rexedora destacou que “esta programación busca implicar a toda a cidadanía na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, a través de actividades orientadas á sensibilización, á participación e á convivencia”. Ferreiro incidiu ademais en que “a igualdade debe traballarse de maneira transversal, desde a educación e a cultura ata o deporte e a acción social, para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva”.
Así, o Concello de Narón conmemorará o 8M cun programa diverso que se desenvolverá ao longo das próximas semanas e que inclúe propostas culturais, educativas, deportivas e institucionais dirixidas a públicos de todas as idades. As actividades enmárcanse nas accións municipais de promoción da igualdade e sensibilización social recollidas no III Plan de Igualdade de Narón.
Entre as citas destacadas está a celebración, o propio día 8 de marzo, da V Carreira e Andaina pola Igualdade, que partirá do pavillón da Gándara. A xornada comezará ás 10:00 horas coas probas das categorías menores, e a carreira absoluta de cinco quilómetros dará inicio ás 11:00 horas. Ás 11:05 horas partirá a andaina popular, unha modalidade pensada para fomentar a participación cidadá. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 4 de marzo ás 23:59 horas e a inscripción pode formalizarse no enlace: https://atletismo.gal/competicions/v-carreira-pola-igualdade-concello-de-naron/
A programación inclúe tamén actividades formativas e de reflexión, como a xornada incluída na campaña municipal “Narón adestra en igualdade”, dirixida ás entidades deportivas locais co obxectivo de fomentar valores igualitarios na práctica do deporte. Terá lugar o 5 de marzo, de 16:00 a 18:30, no café-teatro do Pazo da Cultura e será impartida por Natalia Fraga Pena, experta en educación física, deporte e estudos de xénero. As inscricións para participar están abertas ata o 28 de febreiro en: http://bit.ly/4kPWhmU.
No eido cultural, a Biblioteca Municipal acollerá varias propostas. Por unha banda, a mostra bibliográfica e audiovisual “Sororidade”, centrada en obras literarias e cinematográficas que abordan os vínculos de apoio e cooperación entre mulleres e que poderá visitarse do 9 ao 21 de marzo. Ademais, celebrarase o contacontos infantil a cargo de Ana Meilán, “Que pasaría se o mundo quedase sen bágoas?”, programado para o 7 de marzo ás 11:00 horas. Para participar será necesario reservar praza previamente a partir do 3 de marzo ás 16:00 horas, de maneira presencial ou no teléfono 981 382 173.
No ámbito institucional, o Concello renderá homenaxe á Muller do Ano 2026 nun acto que terá lugar o 8M no Centro de Interpretación dos Museos Industriais de Xuvia (CIMIX), onde se desvelará o nome da persoa recoñecida este ano. O Día Internacional da Muller estará, así mesmo, acompañado pola iluminación simbólica de diferentes espazos municipais como mostra de apoio á igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Como colofón da efemérede, celebrarase a tradicional Cea das Mulleres, o día 13 de marzo ás 21:30 horas no restaurante Pazo Libunca. As reservas para asistir xa poden realizarse no teléfono 881 064 527.
Por último, o programa inclúe tamén unha conferencia sobre muller e discapacidade, que se desenvolverá no local social da Solaina o 28 de marzo ás 11:00 horas, co propósito de visibilizar a realidade das mulleres con diversidade funcional e promover unha sociedade máis inclusiva.
Con esta programación, o Concello de Narón reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero real e efectiva, promovendo espazos de participación, reflexión e convivencia que contribúan a avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.