Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PEGADAS SEGURAS, O MODELO DE EDUCACIÓN VIARIA DE NARÓN QUE BUSCA ESTENDERSE A OUTROS CONCELLOS
O departamento de Educación Viaria do Concello de Narón reforza a súa aposta por introducir a seguridade viaria desde as primeiras idades a través do proxecto Pegadas Seguras, unha iniciativa que busca consolidarse como modelo educativo exportable a outros municipios.
A última reunión de coordinación, celebrada o pasado 24 de febreiro, reuniu ao profesorado de Educación Infantil dos dez colexios do municipio co obxectivo de poñer en común o traballo desenvolvido nas aulas e planificar as accións previstas para o terceiro trimestre. Pegadas Seguras naceu o curso pasado impulsado polo Departamento de Educación Viaria do Concello de Narón en colaboración co profesorado de Infantil. Está dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e integra a educación viaria no currículo de maneira transversal, adaptada á idade e cun enfoque lúdico. O programa vai máis alá das normas básicas de tráfico. Incorpora contidos sobre hábitos seguros como peóns e ciclistas, mobilidade sostible, autoprotección, primeiros auxilios básicos, respecto polo entorno e convivencia cidadá. Todo isto trabállase no día a día da aula e en coordinación coas familias, reforzando a aprendizaxe tamén fóra do ámbito escolar. No último encontro celebrado, o profesorado compartiu experiencias, materiais e actividades desenvolvidas durante o primeiro trimestre e parte do segundo. Ademais, retomouse a planificación das accións do terceiro trimestre, entre as que destacan as saídas en bicicleta, unha das actividades prácticas máis valoradas dentro do proxecto. Desde o departamento municipal subliñan que este tipo de reunións permiten enriquecer a iniciativa a través do intercambio de ideas entre centros e consolidar unha liña de traballo común en materia de educación viaria en todo o termo municipal. O Concello de Narón valora moi positivamente a implicación do profesorado e a boa acollida que está a ter Pegadas Seguras, unha experiencia educativa innovadora no ámbito local. Co obxectivo de darlle visibilidade, o departamento de Educación Viaria manifesta a súa disposición a ofrecer información, asesoramento e compartir a experiencia con outros concellos e centros educativos interesados en implantar un proxecto similar, reforzando así a prevención e a cultura da seguridade viaria desde as primeiras etapas educativas.

<<< Marzo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal