Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN INAUGURA A COMPETICIÓN DO CLUB DE DEBATE ALINGUA CUNHA INTENSA PRIMEIRA XORNADA NO PAZO DA CULTURA
O Pazo da Cultura de Narón acolle este luns o inicio das fases clasificatorias do Club de Debate Alingua 2026, unha cita que reúne durante toda a xornada a alumnado de distintos centros educativos de Narón, Betanzos e Pontedeume arredor da oratoria, o pensamento crítico e o uso do galego.
A primeira fase previa desenvólvese cun total de oito debates nos que os equipos participantes defenden posturas a favor e en contra sobre o tema: “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”. As sesións comezaron pola mañá con dinámicas de interacción entre o alumnado e continuaron cun programa de debates que continuará pola tarde, combinando tamén espazos de descanso e convivencia. Nesta primeira xornada participan equipos do IES As Telleiras e do IES Terra de Trasancos, de Narón; do CPR Santiago Apóstol, tamén do municipio; do CPR Nosa Señora do Carme, de Betanzos; e do IES de Breamo, de Pontedeume, que protagonizarán diferentes enfrontamentos dialécticos ao longo do día. Os debates do Club de Debate Alingua abordan cuestións controvertidas e de actualidade formuladas a través dunha pregunta ou afirmación que dá lugar a posturas opostas, a favor e en contra, defendidas por equipos distintos. Os temas son seleccionados pola organización tendo en conta as achegas dos centros participantes, mentres que o asunto da fase final estará vinculado preferentemente coa normalización da lingua galega. O xurado encargado de avaliar as intervencións nas competicións que se desenvolverán en Narón está formado por Alba Fornos, Soraya García, Isabel Ramos, Puri Ceballos e Manu Barrio, que deberán valorar aspectos como a calidade argumentativa, a capacidade comunicativa, a coherencia discursiva e o traballo en equipo. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asistiu durante a mañá ao Pazo da Cultura para seguir de preto o desenvolvemento dos debates e destacou “o nivel demostrado polo alumnado e a importancia de crear espazos coma este nos que a mocidade aprenda a dialogar, escoitar e defender as súas ideas con respecto”. Ferreiro subliñou ademais que iniciativas como o Club de Debate Alingua “axudan a fortalecer o uso do galego entre a xente nova ao tempo que fomentan habilidades fundamentais para o seu futuro”. A rexedora municipal participará tamén pola tarde (a partir das 19:00 horas) na entrega de premios desta primeira fase, coa que se pecha a xornada inaugural da competición. As fases clasificatorias continúan mañá martes, 3 de marzo, tamén no Pazo da Cultura de Narón, coa participación de novos equipos procedentes de Narón, Ferrol e Carballo, que seguirán debatendo arredor do mesmo tema nunha nova xornada de competición.

<<< Marzo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal