O PROXECTO GUIZO LEVA AO COUTO UN TALLER PARA APRENDER A FACER BOMBAS DE SEMENTES
O proxecto Guizo, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, continúa este sábado 18 de abril cunha nova actividade dirixida ao público familiar.
Xoves, 16 de abril de 2026. Trátase do obradoiro “Bombas de sementes”, unha proposta que se desenvolverá a partir das 11.00 horas no centro cívico social do Couto e que está pensada para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que deberán asistir acompañados dunha persoa adulta.
A actividade consistirá na elaboración de bombas de sementes a través da técnica coñecida como ‘Nendo Dango’, un método de orixe xaponesa creado polo agricultor e biólogo Masanobu Fukuoka co obxectivo de favorecer a reforestación e a recuperación de ecosistemas de maneira natural. Estas pequenas bólas, feitas a base de arxila, terra e sementes, protexen o seu interior das condicións ambientais e dos depredadores ata que se dan as circunstancias axeitadas para a xerminación. Deste xeito, convértense nunha ferramenta sinxela e eficaz para espallar vexetación e contribuír á biodiversidade.
O obradoiro estará impartido pola cooperativa galega SomosTerra, unha entidade especializada en educación ambiental e dinamización de actividades vencelladas ao coñecemento do medio natural e á sustentabilidade. A través de propostas prácticas e participativas, o colectivo busca sensibilizar a cidadanía, especialmente as novas xeracións, sobre a importancia de coidar a contorna natural e adoptar hábitos respectuosos co medio.
A iniciativa enmárcase no proxecto Guizo, unha proposta municipal que promove o uso do galego entre a cativada a través dun lecer educativo, creativo e en contacto coa natureza. As actividades son de balde, mais requiren inscrición previa a través do enderezo electrónico a.pita@naron.gal, e as prazas adxudícanse por orde de solicitude.
O programa continuará nas próximas semanas con novas citas: o 23 de maio terá lugar o obradoiro “Os superpoderes das aves” de Alouette Machine, centrado na imprenta creativa e no coñecemento dos paxaros, e o 13 de xuño pecharase o ciclo cun obradoiro de cociña solar a cargo de Os Picos do Sol, no que as familias poderán achegarse ao uso desta enerxía renovable dun xeito práctico e didáctico.