Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CAMPO DA SERRA, SEDE ESTA FIN DE SEMANA DOS CAMPIONATOS NACIONAL MÁSTER E NOROESTE DE POWERLIFTING
O Concello de Narón será escenario esta fin de semana dun destacado evento deportivo coa celebración, por primeira vez no municipio, do Campionato de España Máster de Powerlifting. A cita terá lugar este sábado no Pavillón Campo da Serra e continuará o domingo coa disputa do Campionato do Noroeste desta disciplina.
Venres, 24 de abril de 2026. As competicións darán comezo en ambas xornadas ás 9:00 horas. O sábado prolongaranse ata as 23:15 horas, mentres que o domingo rematarán arredor das 16:00 horas. En total, tomarán parte nas diferentes sesión e categorías 137 deportistas. O evento está organizado polo Club Power Fénix e a Asociación Española de Powerlifting, e conta coa colaboración do Concello de Narón. Na presentación oficial participaron o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, xunto co presidente e vicepresidente do club, Aurelio Morado e Jesús Prieto; a deportista naronesa e campioa do mundo Zoraida Bermúdez; e os tamén os membros de Power Fénix Daniel Trillo e Ricardo Darriba. Jesús Prieto destacou a relevancia dunha cita que reunirá “os mellores levantadores de todos os puntos de España” e que contará con preto dun cento de competidores nas categorías máster, a partir dos 40 anos. “Imos ter o privilexio de ver competir a campioa do mundo Zoraida Bermúdez, así como a Aurelio Morado, que con 71 anos participa na categoría Máster 3 e Máster 4”, sinalou, incidindo tamén na presenza de deportistas veteranos procedentes doutros territorios, incluíndo competidores de máis de 70 anos. Prieto puxo en valor o carácter inclusivo desta disciplina: “O que queremos reflectir é que o deporte non ten límite de idade. Está collendo moito auxe nas categorías avanzadas e é unha oportunidade extraordinaria para ver do que son capaces”. Así mesmo, subliñou o atractivo do evento como “un espectáculo” para o público afeccionado ao levantamento de pesas. No que respecta ao Campionato do Noroeste, que se celebrará o domingo, indicou que reunirá os mellores deportistas de Galicia, Asturias e Castela e León, nunha proba clasificatoria para o campionato nacional absoluto. “É a segunda vez que se organiza na comarca de Ferrolterra, despois da edición de 2022 en Ferrol”, lembrou. Pola súa banda, o edil de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu o traballo do club organizador e destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas: “Cando apostamos por competicións como esta é porque vemos a vosa capacidade organizativa e a maneira de traballar”. Santalla incidiu tamén na necesidade de dar visibilidade a disciplinas emerxentes: “É importante dar a coñecer deportes que están medrando pouco a pouco e que cada vez contan con máis practicantes”. O concelleiro animou a cidadanía a achegarse ao Pavillón Campo da Serra durante a fin de semana e deu a benvida aos participantes chegados doutras comunidades: “Agardamos que se encha o pavillón e que todos os que veñan de fóra gocen da súa estancia. As portas de Narón están abertas para todos”. A competición tamén pode seguirse en liña a través da canle de Youtube da Asociación Española de Powerlifting. A organización prevé unha elevada participación e a chegada de acompañantes e equipos técnicos, o que tamén suporá un impacto positivo na actividade hostaleira e turística do municipio durante esta fin de semana.

<<< Abril 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal