SAEN Á VENDA AS ENTRADAS PARA AS ZONAS DE ACAMPADA DO GULLIVER FEST, QUE CELEBRA A SÚA SEXTA EDICIÓN DO 6 AO 9 DE AGOSTO EN PEDROSO
As persoas interesadas en adquirir algunha das entradas dispoñibles para as zonas camper, de acampada e glamping do festival da cultura viaxeira Gulliver Fest poden facelo dende hoxe a través da web: https://gulliverfest.naron.gal/.
Luns, 27 de abril de 2026. Así o anunciaron dende o Concello de Narón e a asociación Furgo Galicia, organizadores do evento, que este ano alcanza a súa sexta edición e que se desenvolverá do 6 ao 9 de agosto.
O evento desenvolverase novamente na paraxe natural do Muíño de Pedroso – cámping do río Xuvia, un enclave xa consolidado coma un dos principais puntos de encontro da cultura viaxeira en Galicia. A venda online permanecerá activa ata o 1 de agosto; a partir desa data, as entradas só se poderán adquirir no propio recinto, sempre que haxa dispoñibilidade.
A organización lembra que será preciso retirar entrada unicamente para facer uso das zonas de pernocta —camper, acampada ou glamping—, mentres que o acceso ás actividades do festival será libre.
O Gulliver Fest manterá este ano a súa aposta por unha programación variada, con propostas dirixidas a todos os públicos. Ao longo dos catro días combinaranse concertos, cinema familiar, actividades infantís, obradoiros, deporte ao aire libre e as xa características charlas de viaxes.
Entre as actuacións confirmadas como adianto da programación figuran artistas como Lidia India, Farra Fanfarra, Muyayo Rif, Wahira ou Balkan Bomba, ademais da presenza continuada de La Duendeneta como dinamizadora musical do festival.
O programa inclúe tamén actividades como sesións de ioga, xogos tradicionais, teatro sobre rodas, unha carreira de orientación e propostas participativas como a creación de chapas do festival ou a tradicional foto de familia con Gulliver.
Como noutras edicións, habilitarase así mesmo un mercado de artesanía cunha quincena de postos nas inmediacións do muíño de Pedroso.