Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O II TRASANKOS ROCK TRAE A NARÓN O 13 DE XUÑO UN CARTEL CON SEIS BANDAS ENCABEZADAS POR KAOS URBANO NO SEU 30 ANIVERSARIO
Narón acolle o próximo 13 de xuño a segunda edición do festival Trasankos Rock, que chegará de novo á Rúa das Cerámicas cunha proposta centrada no punk e o rock e cun cartel de seis bandas.
Mércores, 20 de maio de 2026. O evento está organizado pola asociación Trasankos, coa colaboración do Concello de Narón a través da Concellaría de Festas. A edil Mar Gómez participou na presentación acompañada de Fran López Alonso e Nuria Barroso, presidente e vogal respectivamente da asociación Trasankos. Segundo explican desde a organización, o cartel desta edición está encabezado por Kaos Urbano, que actúan en Narón no marco da xira do seu 30 aniversario. O grupo, formado a finais de 1995 no barrio obreiro de Alcobendas, é un dos referentes máis consolidados do punk e o Oi! estatal, cunhas letras que definiron desde os seus inicios pola súa posición antifascista e pola denuncia social. O segundo nome do cartel é Rat-Zinger, banda chegada desde Bilbao. Fundados en 2009 tras a disolución do grupo Anarko, caracterízanse por letras moi directas e agresivas. O seu estilo mestura punk, hardcore e metal extremo, nunha proposta que se reivindica herdeira do punk máis radical e antisistema dos anos 80, con referentes como Cicatriz, Eskorbuto ou R.I.P. A representación galega no festival recae en Ruxe Ruxe, banda formada en 1996 en Aríns (Santiago de Compostela) e un dos grupos máis queridos e lonxevos do rock galego. Con máis de 28 anos de carreira, o seu son combina o rock de raíz cunha actitude punk e un amor declarado pola cultura e a terra, mantendo sempre un discurso libre e comprometido á marxe das modas e do mercado. Ao longo da súa traxectoria publicaron trece discos e actuaron por toda España, Portugal e Italia, ademais de contar co recoñecemento de 32 bandas galegas que lles tributaron unha homenaxe no seu 25 aniversario. En xaneiro de 2025 presentaron o seu último traballo, “Xabral”. Completan o cartel a banda punkgalaica The Eskarallas, os coruñeses Demenzia Sozial e a banda madrileña de punk e hardcore disidente composta íntegramente por mulleres Lucy, que pechan o que se presenta como un festival pensado para amantes das sonoridades máis combativas. O festival contará ademais con foodtrucks, zona de camping, zona camper e parking de balde. As entradas están xa á venda a un prezo de 28 euros en modalidade anticipada e 32 euros en taquilla. Poden adquirirse a través da plataforma woutick.com e tamén de forma presencial no bar La Salmantina (Ctra. Gándara 130, Narón), bar Estrela do Ponto (Est. de Castela 746, Narón), bar El Clavel 2.0 (Pz. Cruceiro de Canido 6, Ferrol) e na AADCR Santa Mariña (Av. Santa Marina 61, Ferrol).
Descarga de archivos
Tamaño:6,83 MB

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal