O Concello de Narón vén de abrir este mércores o prazo para comunicar a realización de fogueiras con motivo das festividades de San Xoán e de San Pedro. As solicitudes deben presentarse a través da Sede Electrónica Municipal, onde está dispoñible o formulario correspondente.
Mércores, de xuño de 2026. Para as fogueiras de San Xoán, o prazo remata o 19 de xuño, mentres que para as de San Pedro estará aberto ata o 25 de xuño. O enlace directo para realizar a petición é https://run.gob.es/iyl84d80.
O procedemento distingue entre celebracións en espazos públicos e privados. Para as cacharelas en propiedades privadas basta con realizar unha comunicación previa a través das canle habilitada polo Concello. Quen organice unha fogueira nun espazo público ten que presentar ademais a documentación do MODELO A-ALC-04, xa que entra en xogo a normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas. Este modelo está accesible en https://run.gob.es/iylaa427.
Sobre as medidas de seguridade, as fogueiras non poden superar os cinco metros de altura nin os tres de diámetro, e deben gardarse polo menos 30 metros de distancia con respecto a vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas con vexetación. Tampouco poden situarse en vías de acceso ou circulación, e se nunha mesma zona hai varias fogueiras, a separación mínima entre elas debe ser de 100 metros. Non está permitido queimar pneumáticos, aceites, plásticos, envases baleiros, aerosois nin ningún outro residuo perigoso ou tóxico.
As fogueiras deben estar vixiadas en todo momento ata que se apaguen por completo, con medios suficientes para controlar as súas dimensións. Se o vento dificulta a vixilancia ou a extinción, hai que apagarlas de inmediato. En caso de accidente, o número ao que hai que chamar é o 112. O horario permitido vai das 20.00 ás 3.00 horas, e a persoa que fixo a comunicación é a responsable de deixar limpa a zona unha vez rematada a fogueira.