O CONCELLO DE NARÓN ATENDE PRETO DE 80 FAMILIAS NAS MESAS INFORMATIVAS CONTRA O ACOSO ESCOLAR INSTALADAS NA RÚA DURANTE O MES DE XUÑO
Un 61% das familias consultadas amosa interese en recibir formación específica sobre detección e prevención do acoso.
Martes, 23 de xuño de 2026. O Concello de Narón vén de completar un novo ciclo de mesas informativas sobre acoso escolar. Desenvolvida en xuño, trátase dunha iniciativa do programa TIP AC.ES (Talleres e Obradoiros de Convivencia Escolar) que levou recursos, información e asesoramento directo ás familias en cinco espazos públicos do municipio.
As citas, celebradas os días 4 e 5, 12, 18 e 19 de xuño no Paseo Marítimo de Xuvia, A Gándara, o Río Freixeiro, A Solaina e a Praza de Galicia, reuniron 79 familias participantes, segundo os datos recollidos polo equipo técnico responsable da iniciativa. A maior afluencia rexistrouse na xornada celebrada na praza da Gándara, que se confirmou como un dos puntos de encontro habituais das familias con fillos e fillas en idade escolar do municipio.
O perfil das persoas que se achegaron aos stands foi maioritariamente feminino: un 80% de mulleres fronte a un 20% de homes. Practicamente a totalidade, un 96%, son nais e pais con fillos ou fillas en idade escolar, principalmente de educación primaria, e procedentes de centros educativos do municipio.
Os datos recollidos amosan un dato relevante: case a metade das persoas consultadas, un 49%, recoñece non contar con información suficiente sobre acoso escolar, e un 61% manifestou interese en recibir formación específica sobre esta materia. Ademais, oito de cada dez participantes considera que existen moitos casos de acoso escolar, aínda que só un 41% afirma ter coñecemento directo dalgún caso concreto.
Entre os temas polos que as familias amosaron maior interese destacan os indicadores que permiten detectar precocemente unha situación de acoso e as claves para comprender este fenómeno entre nenos, nenas e adolescentes, dúas cuestións que centraron boa parte das consultas realizadas nos stands.
A concelleira de Educación, Olga Ameneiro, valorou positivamente o resultado deste achegamento do programa TIP AC.ES á rúa sublimando a importancia de manter este tipo de iniciativas que permiten ao Concello chegar directamente á cidadanía. "Levar a información aos parques e prazas onde as familias xa están presentes coas súas fillas e fillos demostrou ser unha fórmula eficaz para achegar recursos e resolver dúbidas nun ambiente próximo e de confianza", sinala a edil, que avanza que o Concello seguirá traballando para reforzar a prevención e detección temperá do acoso escolar no municipio.