A proba, organizada polo Padroado de Deportes e o Club de Remo Narón, reunirá este sábado dez equipos de Galicia e Asturias a partir das 16:00 horas.
Xoves, 25 de xuño de 2026. A Enseada da Gándara acolle este sábado, 27 de xuño, a partir das 16:00 horas, a VIII Bandeira Cidade de Narón, primeira proba da Liga Galega de Traineiras e proba do Trofeo Xunta de Galicia. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou a competición xunto ao delegado do Club de Remo Narón, Kilian Mandín.
Santalla destacou a importancia desta cita para o municipio, sinalando que a Bandeira Cidade de Narón se converteu nunha referencia no calendario do remo galego e que o concello segue a apostar polo apoio a un club que leva o nome de Narón a toda Galicia. O edil animou a veciñanza a achegarse á Enseada da Gándara para vivir en directo o arranque da nova tempada de traineiras.
Pola súa banda, Mandín avanzou os detalles desta nova edición. A regata reunirá dez clubes procedentes de toda Galicia, con presenza tamén de Asturias, distribuídos en tres quendas de remeiros. A orde de saída estableceuse por sorteo, correspondéndolle ao Club de Remo Narón competir na segunda serie.
Cada regata terá unha duración aproximada de vinte minutos, polo que se prevé que a proba completa, coas tres quendas, remate ao redor das 17:30 horas, momento no que terá lugar a entrega de trofeos e o izado da bandeira para o equipo gañador.
A Bandeira Cidade de Narón está organizada polo Padroado de Deportes e do Club de Remo Narón e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Remo, principais patrocinadores da Liga Galega de Traineiras, que organiza esta proba xunto co Trofeo Xunta de Galicia, distinción que se outorga ao campión da Liga ao remate da tempada.