Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROXECTO GUIZO TRAE A NARÓN CIENCIA, PRIMEIROS AUXILIOS E CIRCO EN GALEGO
A programación de outono inclúe tres sábados de lecer na lingua propia para nenas e nenos de 6 a 12 anos.
Xoves, 1 de outubro de 2026. O Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística, pon en marcha a programación de Guizo para o outono. Trátase dun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos que busca mellorar a socialización en lingua galega a través dun espazo de lecer para familias, pensado arredor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto. Esta nova edición inclúe tres citas, todas en sábado e no centro cívico social do Couto, ás 11.00 horas. A primeira delas será o 10 de outubro con “A maxia da ciencia”, de Arenaria, un obradoiro práctico que parte dunha idea sinxela: moitos dos trucos máxicos son en realidade fenómenos físicos e químicos. Mediante experimentos, as familias descubrirán se poden os zapateiros camiñar sobre a auga, se existe a invisibilidade ou se é posible facer lume na man sen queimarse. O 7 de novembro será a quenda dun obradoiro de primeiros auxilios na montaña, a cargo do SPEIS de Narón. Da man dos bombeiros, as familias aprenderán, de xeito práctico, como actuar en caso de sufrir golpes, feridas, fracturas, torceduras, golpes de calor, picaduras ou mordeduras durante unha ruta pola natureza. A programación pecha o 21 de novembro co obradoiro de circo de Os Picos do Sol, no que nais, pais, nenas e nenos aprenderán xuntos as técnicas básicas do circo a través do xogo, entre elas o prato chinés, diábolo, malabarismo, zancos, monociclo ou cable de equilibrio. A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, animou as familias a participar e subliñou o carácter familiar desta proposta: “Queremos que nenas, nenos e persoas adultas compartan un tempo de lecer na natureza no que o galego sexa a lingua natural da conversa”. As actividades son gratuítas, pero é necesaria a inscrición previa no correo electrónico a.pita@naron.gal. Na mensaxe deben constar o nome da actividade, o nome e a idade da nena ou do neno, o nome da nai, do pai ou da persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Toda a información está dispoñible no apartado de actividades da web do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, www.naronengalego.gal.
Descarga de archivos
Tamaño:436,69 KB

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal