A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NARÓN ENCHE OUTUBRO DE CONTOS, VISITAS E LIBROS QUE BUSCAN NOVO FOGAR
Contacontos, un escape room, visitas guiadas ou un faladoiro con autoras locais compoñen a programación co gallo do Día internacional das bibliotecas.
Xoves, 1 de outubro de 2026. A Biblioteca Pública Municipal de Narón dedica outubro a celebrar o Día internacional das bibliotecas, que se conmemora o día 24 deste mes, cun programa de actividades para todas as idades. Hai contacontos para bebés e para nenos e nenas, un escape room para a rapazada, visitas guiadas, un faladoiro con escritoras locais e un espectáculo de narración oral para público adulto. A todo isto engádese unha mostra de libros retirados da colección que se poden levar para a casa.
“Outubro é un mes no que a biblioteca abre as portas de par en par. Queremos que veciñas e veciños de todas as idades teñan un motivo para achegarse, descubrir o que ofrece este espazo e sentilo como unha casa propia”, sinalou na presentación a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
As actividades comezan este xoves coa mostra “Do depósito ao teu fogar”. Como en anos anteriores, o verán serviu para facer expurgo na biblioteca. Revisáronse arredor de 1.000 volumes do depósito e apareceron exemplares duplicados ou triplicados e outros materiais que deixan de formar parte da colección, pero poden seguir interesando a outras persoas. Hai novelas, poesía, moitos contos infantís e catálogos de exposicións de arte. Poden verse na planta baixa da sección de adultos, en horario de apertura, e quen queira pode levar de balde para a casa aqueles que lle interesen. Os libros estarán expostos ata finais de outubro ou ata esgotar existencias.
O primeiro plan da axenda será este sábado 3 de outubro, ás 11:00, coa actividade “Escape room: os segredos da biblioteca”, na Axencia de lectura da Gándara, na Casa da Mocidade. Dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, trátase dunha proposta da compañía Ludus Formación e Lecer na que o grupo terá que resolver misterios a base de observación, enxeño e traballo en equipo.
O sábado 10, tamén ás 11:00, chegan os “Contos miúdos”, con Paula Carrera. Esta sesión de contacontos para público infantil a partir de 3 anos e as súas familias, baséase en contos de dedos, narrados e cantados. A inscrición abre o martes día 6 ás 16:00. Unha semana despois, o sábado 17, Ana Meilán presenta “Ao meu lado podes ser...”, pensada para bebés de 6 a 36 meses e as súas familias, con animais, personaxes e viaxes en coche, bicicleta, submarino ou tractor. Neste caso, hai que reservar praza a partir do martes día 13 ás 16:00 horas. As tres actividades están cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade dentro do programa “Ler conta moito”.
O luns día 19, ás 18:00, a biblioteca celebra o Día das Escritoras con “Elas escriben”, un faladoiro coas autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva. Conversarán durante aproximadamente unha hora sobre o tempo para escribir, os coidados e a conciliación, a visibilidade das autoras ou a construción de personaxes femininas, e haberá un espazo final para a participación do público. O encontro nace do proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero. A entrada é libre ata completar o aforo.
Co gallo do Día internacional das bibliotecas, a semana do 22 de outubro trae as visitas guiadas. O xoves 22, de 18:00 a 19:00, haberá unha para o público en xeral, e o venres 23, de 11:00 a 12:00, outra dirixida a persoas adultas. Ese mesmo venres, de 17:30 a 18:30, farase unha visita á Axencia de lectura da Gándara. Para participar en calquera delas hai que reservar a partir do venres 16 de outubro.
O venres 23, ás 19:30, a sala principal da Biblioteca acolle “A corva”, un espectáculo de narración oral para público xuvenil e adulto a cargo de Cristina Collazo. Está inspirado en Carmen Montoiro, compoñedora de ósos dunha pequena vila da Estrada, e recupera cantos e contos da tradición oral galega nunha proposta interactiva ben axeitada para os días previos ao Samaín. A entrada é libre ata completar o aforo.
O sábado 24, Día das Bibliotecas, ás 11:00, Trémola Teatro presenta
“A nena que comía todos os libros”, para público infantil a partir de 3 anos e familias. A inscrición abre o martes día 20 ás 20:00 horas.
O mes péchase o sábado 31, ás 11:00, con “O misterio dos calacús”, unha actividade sobre o Samaín para nenos e nenas a partir de 4 anos. A proposta inclúe conto, unha busca dos calacús agochados entre os libros e un obradoiro para que cada participante faga o seu. As prazas poden reservarse a partir do martes 27 de outubro ás 16:00.
Toda a información sobre a programación está dispoñible nas redes sociais da Biblioteca Pública Municipal de Narón (Facebook e Instagram). As inscricións poden facerse presencialmente na biblioteca ou no teléfono 981 382 173, en horario de apertura.