O CONCELLO DE NARÓN ADXUDICA AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO DO CENTRO DE MAIORES DAS VIVENDAS DA MARIÑA
A actuación, incluída no POS 2025 da Deputación, ten un investimento de 285.666,10 euros para mellorar o local e adaptalo ás esixencias de accesibilidade, e conta con financiamento propio do Concello e cunha doazón de Pull&Bear.
Martes, 6 de outubro de 2026. O Concello de Narón adxudicou as obras de acondicionamento do Centro de Maiores das Vivendas da Mariña por un total de 285.666,10 euros. O local a reacondicionar é de titularidade municipal e a Alcaldía resolveu o pasado 2 de outubro, despois de estudar as cinco ofertas presentadas.
«O Centro de Maiores é un lugar moi querido polos veciños e veciñas das Vivendas da Mariña, e levaba tempo pedindo unha posta ao día”, asegura a rexedora de Narón, Marián Ferreiro. “Con esta obra será un espazo máis cómodo e que poderá usar todo o mundo, sen barreiras”.
A actuación a realizar nas Vivendas da Mariña está incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+ 2025) da Deputación da Coruña. Conta con financiamento propio do Concello e cunha doazón de 142.644,62 euros de Pull&Bear (Grupo Inditex), procedente da recadación das actividades solidarias realizadas polo persoal na súa sede central de Narón.
A reforma adxudicada comezará coa retirada dos elementos que hai que substituír: as rampas e as barandas, o pavimento de granito, os radiadores, os sanitarios, o falso teito e parte da tabiquería. Despois, eliminaranse os desniveis que hai nos chans e renovarase o pavimento de todo o local. Os aseos redistribuiranse e levarán instalacións novas de fontanería e saneamento, ademais de cambiar toda a carpintería exterior.
O proxecto inclúe tamén unha nova escaleira vertical de acceso ao soto e a sinalética necesaria para facer o centro máis accesible. Renovarase así mesmo a instalación eléctrica, con luminarias, interruptores e tomas de corrente novas, e substituiranse os aparatos de calefacción. Completan a intervención a instalación contra incendios, un novo mobiliario, a renovación da barra de madeira e o pintado do interior e das portas.
A sinatura do contrato está prevista para esta mesma semana. A partir de entón, a empresa terá un prazo máximo dun mes para comezar os traballos, unha vez entregados a acta de replanteo, o plan de seguridade e saúde e o plan de residuos. O prazo de execución previsto desde ese momento é de catro meses.