Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AITANA SÁNCHEZ-GIJÓN CHEGA AO PAZO DA CULTURA COA "MALQUERIDA" DE JACINTO BENAVENTE
A nova montaxe da obra do Premio Nobel, dirixida por Natalia Menéndez, fai parada en Narón con dúas funcións dentro da programación do Padroado da Cultura.
Xoves, 15 de outubro de 2026. O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana “Malquerida”, unha versión contemporánea do clásico de Jacinto Benavente encabezada pola actriz Aitana Sánchez-Gijón. A obra representarase este venres 16 de outubro, ás 20:30 horas, e o sábado 17, ás 20:00 horas, dentro da programación do Padroado da Cultura de Narón. A montaxe, dirixida por Natalia Menéndez, que asina tamén a adaptación xunto con Juan Carlos Rubio, estreouse o pasado mes de marzo no Teatro Español de Madrid. Parte de “La Malquerida”, unha das pezas máis emblemáticas de Benavente, Premio Nobel de Literatura en 1922, e “propón unha lectura escénica que acentúa a súa dimensión poética e a súa carga erótica, e que se achega ao popular a través do humor e da música”. Para Aitana Sánchez-Gijón, esta obra ten un valor especial. Con ela debutou sobre os escenarios en 1988, cando tiña 19 anos, no papel de Acacia. Agora volve á “Malquerida” como Raimunda, a nai, nun xesto que dialoga coa súa propia traxectoria. Acompáñana no reparto Juan Carlos Vellido (Esteban), Lucía Juárez (Acacia), Goizalde Núñez (Juliana), José Luis Alcobendas (Eusebio), Dani Pérez Prada (El Rubio), Álex Mola (Norberto) e Antonio Hernández Fimia (Faustino). A historia transcorre na facenda Los Berrocales e ten no centro un triángulo amoroso oculto entre Raimunda, o seu esposo Esteban e a filla de ambos, Acacia. O que comeza como a celebración dun compromiso vai derivando nunha traxedia de desexo, ambición e violencia, que leva a Acacia a ser coñecida como “a malquerida”. Benavente constrúe así un conflito sen vencedores, no que as personaxes quedan atrapadas nunha xeometría emocional imposible de resolver. Natalia Menéndez traslada esta traxedia rural ao presente cunha mirada que respecta a grandeza do texto orixinal liberándoo dos condicionantes da súa época. Segundo explica a directora, a obra formula un enfrontamento entre a razón e a paixón. Entre o intento de dominar os sentimentos e a imposibilidade de conter aquilo que nos constitúe como seres humanos. A proposta escénica complétase coa escenografía de Alfonso Barajas, a iluminación de Juan Gómez Cornejo, o vestiario de Rafa Garrigós e a música e o espazo sonoro de Mariano Marín, que dan forma a un universo sensorial ao servizo da raíz popular e tráxica da obra. “Malquerida” é unha produción de ProduccionesOff.

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal